martes. 23.04.2024
Fernando Jiménez e Chari Álvarez.
Fernando Jiménez e Chari Álvarez.

A Asociación de Crohn e colite ulcerosa (ACCU) de Ourense puxo en marcha un servizo de atención integral para as persoas que sufren estas patoloxías, no que participan 110 persoas da provincia, cun importante aumento en Verín. "Este ano víronse incrementadas as intervencións sociais debido á gran demanda de información, orientación e asesoramento que está a recibir a entidade, destacando que na contorna de Verín duplicáronse con persoas con Crohn e colite ulcerosa e as súas familias" comenta Fernando Jiménez, presidente da entidade.

Neste ano, ACCU realizou "máis de 30 intervencións sociais en Verín", especialmente no servizo de información, orientación e asesoramento da asociación, sinala Chari Álvarez, traballadora social da entidade. Unha boa parte das consultas estiveron relacionadas con procesos de discapacidade e incapacidade, orientación laboral e afectación física, social e emocional das patoloxías.

O apoio dos organismos axuda para que ACCU garantice unha asistencia "social, psicolóxica e fisioterapéutica de forma gratuíta para que as persoas socias poidan dispoñer destes servizos cando o precisen", engade Álvarez.

Este proxecto desenvolve intervencións personalizadas de ámbito social e sanitario, pero tamén de apoio persoal, acompañamento, atención á autonomía, tarxeta aparcamento, acceso a ACCU, baños adaptados para persoas ostomizadas, protocolos educativos, integración laboral e sensibilización, concienciación e visibilización. Todo isto ofréceno a través da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE).

A atención integral que brinda ACCU forma parte do Plan de Prioridades da COCEMFE e está financiado pola Fundación ONCE. A confederación xestiona esta subvención para o financiamento dos proxectos prioritarios das súas entidades, proporcionándolles asesoramento e realizando un seguimento pormenorizado durante todo o proceso.

NOTICIAS VERÍN | A Asociación de Crohn e colite ulcerosa duplica atencións na vila