miércoles. 24.04.2024
Vista aérea do parque da Preguiza, coa localización das carpas abaixo á esquerda (en branco).
Vista aérea do parque da Preguiza, coa localización das carpas abaixo á esquerda (en branco).

O Concello de Verín quenta motores para o vindeiro fin de semana, cando terá lugar a celebración da primeira Festa da Cervexa da vila. Un evento que reunirá arredor de vinte marcas tanto nacionais como importadas de países como Bélxica, Portugal e, por suposto, Alemaña, nese intento por emular ao Oktoberfest.

Para iso, a zona verde do parque da Preguiza, o 8 e o 9 de outubro, estará engalanada cunha carpa "moi especial", tal e como afirmou o alcalde, Gerardo Seoane, con forma semicircular de 20 por 80 metros, cunha capacidade de 1800 metros cadrados, e que contará, no seu interior, con dúas ringleiras de 16 mesas, 32 en total -para 12 asistentes cada unha-. O aforo máximo será de 450 persoas de maneira simultánea.

A carpa para Festa da Cervexa de Verín.A carpa para Festa da Cervexa.

Dun lado das mesas, estarán dispoñibles os postos de cervexa e doutro, a selección de produtos gastronómicos galegos e alemáns -polbo, churrasco, salchichas, carne ao caldeiro, polo asado, empanada, lacón, embutido, crepes doces e salgados e salchicha xermana, entre outros- aos que se poderá acceder por corredoiros habilitados, respectando as medidas de prevención anticovid vixentes nestes momentos.
 

Así estarán distribuídas as mesas e os postos.Así estarán distribuídas as mesas e os postos.

Os amantes da popular bebida poderán facerse cunha xarra conmemorativa da festa, de 62 cl de capacidade e por un prezo de 3€, para, ademais de quedar cun recordo para sempre destas xornadas, colaborar co coidado do medioambiente ao non utilizar plásticos. 

A xarra conmemorativa.A xarra conmemorativa. | FOTO: Iván Iglesias

Os accesos

Para acceder ao recinto estará habilitada unha entrada pola rúa Alameda -tanto en vehículo como a pé- e unha saída polo sendeiro construído cara a estrada da Veiga. Tramo no que se vai comezar a levantar proximamente a segunda ponte prevista polo Concello no seu plan de humanización da vila e que recollerá gran parte do tráfico procedente da A-52.

O sendeiro cara á estrada da Veiga está sendo habilitado para o vindeiro fin de semana. | FOTO: M. D.

Os concertos

Todas as xornadas contarán con amenización musical dentro e fóra da carpa de degustación. O venres e o sábado en horario de tarde, actuación da charanga Fuego. A música continuará pola noite, arredor das 23:30h, cun dos pratos fortes, o concerto de Ortiga, proxecto en solitario no que Rizo traerá as súas chichas, as súas melodías pop e a súa querenza verbeneira.

O sábado, á mesma hora, quenda para Mitic, que presentará o seu novo proxecto de expansión do instrumento máis emblemático da nosa terra, a gaita, através dun espectáculo musical único. Para o domingo, a banda de gaitas Nova Era percorrerá as rúas da vila para trasladar a Feira da Cervexa aos locais hostaleiros. A organización tampouco esquece aos pequenos que contarán con divertidos inchables durante as dúas xornadas de celebración.

Para acudir aos concertos de Mitic e Ortiga, será preciso retirar a entrada na páxina web habilitada co obxectivo de controlar o aforo de xeito óptimo. Será a primeira vez trala pandemia que se poida desfrutar dun concerto de pé na nosa vila.

A situación da carpa e do lugar dos concertos para a Festa da Cervexa en Verín.A situación da carpa e do lugar dos concertos para a Festa da Cervexa en Verín.

NOTICIAS VERÍN | Así estará organizada a primeira Festa da Cervexa