O Salón dos Viños e Augardentes de Galicia terá lugar mañá en Ámsterdam, capital dos Países Baixos, e alí estará a Denominación de Orixe Monterrei para amosar os seus produtos ao público neerlandés. Esta acción de promoción está organizada, de forma conxunta, pola Unión Eszpañola de Catadores e a Asociación de Consellos Reguladores do Viño de Galicia e das Indicacións Xeográficas de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.
O evento celebrarase no Van der Valk Hotel da capital neerlandesa e será a terceira acción conxunta que efectúen os consellos reguladores dos viños e os destilados galegos, despois das organizadas en París e Londres. No espazo de Monterrei, os participantes poderán degustar os viños das adegas Trasdovento, Abeledos, Ladairo, Pazo de Valdeconde, Tabú, Alba Al-Bar (Daniel Fernández), Crego e Monaguillo, Fausto Rivero Pardo (Quinta Soutullo), Fragas do Lecer, Franco Basalo, Gargalo, Manuel Guerra Justo (Vía Arxéntea), Manuel Regueiro García, Manuel Vázquez Losada, Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Terras do Cigarrón e Triay Adegas de Oímbra.
Ademais, recibirán información sobre o territorio, historia e tradición vitícola, características edafoclimáticas, variedades de uva ou tipoloxía de viños, entre outras cuestións.