Venres. 29.03.2024
O ourensán Alexandre Sotelino, recentemente nomeado como mellor docente universitario de España.
O ourensán Alexandre Sotelino, recentemente nomeado como mellor docente universitario de España.

Acaba de ser nomeado como o mellor docente universitario de España no marco do premio Educa Abanca. Alexandre Sotelino, pedagogo, de 35 anos e con raíces na nosa comarca -a súa familia materna é natural de A Magdalena, Monterrei-, mostra, aínda días despois, a súa sorpresa polo recoñecemento.

"Non o agardaba. Coñezo a outros compañeiros finalistas que teñen moito nivel, en ningún momento pensei que o gañaría eu. Estou moi contento e satisfeito pero non é algo que me vaia dar máis felicidade. Traballo do que me gusta e ese é o meu mellor premio", asegura o recentemente galardoado.

O mellor premio é traballar no que me gusta (Alexandre Sotelino)

Porque o seu é totalmente vocacional. Sotelino é doutor en Pedagoxía e imparte clases na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, concretamente, ensina aos estudantes do Grao en Pedagoxía e en Educación Primaria. A particularidade deste galardón é que foron eles, os seus propios alumnos, quen o escolleron como o mellor a través dunha votación pola Internet.

"Coa miña metodoloxía de traballo, que achega a alumnado e profesorado, logramos superar barreiras e distancias. Temos unha relación máis horizontal, máis directa e aí radica a confianza", explica. "Ademais, debido á nosa idade tan semellante, falamos unha linguaxe similar, empregamos códigos parecidos e iso fai que me vexan máis próximo", engade.

Pode que ese sexa o segredo que o levou a conseguir este recoñecemento, ao que xa se viña aproximando noutras ocasións. Como se adoita dicir, á terceira vai a vencida. "Estiven nominado noutras dúas ocasións pero, independentemente, seguín traballando igual, facendo o que me gusta, como me gusta, o que funciona co meu alumnado xa que é a eles a quen me debo", incide.

Docente polifacético

A pesar das súas múltiples funcións na Universidade, Sotelino non abandona a súa outra paixón. "Teño o corazón dividido entre a pedagoxía e a cultura tradicional. Aínda que non o pareza, en moitos aspectos converxen e é aí onde me sinto máis cómodo", explica.

Moi inquedo, tal e como el se define, combina a docencia nas aulas coas clases enriba das táboas. "Son profesor de baile tradicional e director do Festival Internacional Rebulir, que pon en valor as distintas culturas do mundo e que se celebra no vindeiro mes de decembro", explica. 

O que máis destaca, de ámbolos dous escenarios, é o contacto directo co alumnado. "É a parte máis emocionante e viva da docencia. Aprendo moito dos meus alumnos, adáptome a eles, escóitoos. Isto foinos roubado coa pandemia, co confinamento e coa posterior semipresencialidade, pero segue a ser o que máis aprecio do meu traballo. Os alumnos apórtanme frescura, enerxía e son eles quen me fan seguir adiante", conclúe.

NOTICIAS VERÍN | Alexandre Sotelino, mellor profesor universitario de España: "O mellor...