miércoles. 24.04.2024
Alejandra Cid (de pé), coordinadora comarcal en Monterrei, con dúas das voluntarias da Cruz Vermella.

A Cruz Vermella converteuse nun dos principais salvavidas trala chegada da pandemia que trouxo consigo menos postos de traballo, menos recursos... E máis necesidade. Esta institución, coordinada dende hai dez anos en Monterrei por Alejandra Cid, dá cobertura aos requirimentos básicos dos usuarios que o precisan. Tamén responde a prioridades concretas de cada familia, situacións máis críticas, aínda que a súa colaboración -máis alá do económico- pretende ser a longo prazo.

Iso pasa non só por axudas económicas, senón tamén no eido formativo. Este ámbito é fundamental para a Cruz Vermella. Por que?

O saber nunca ocupa lugar. Agora que a pandemia está dando un respiro de novo, estamos recuperando as actividades presenciais con todo tipo de colectivos. Para o vindeiro mes de outubro, estamos promovendo un curso formativo no ámbito sanitario, centrado nos primeiros auxilios. Consideramos importantísimo saber reaccionar en caso de emerxencia ou accidente, tanto dentro do fogar como fóra. Está destinado a todo o público en xeral cunha duración de 40 horas, realizado durante cinco sábados en horario de mañá e de tarde e cun prezo de 120€. Aínda hai prazas e os interesados poderán anotarse ou pedir información no noso teléfono ou acudindo á oficina da praza da Merced. Tamén é moi importante para nós a formación do noso voluntariado, xa que temos proxectos de ámbito social, con persoas maiores, infancia, colectivos vulnerables... E é fundamental saber actuar en cada caso. Tamén pode participar xente do exterior para que coñeza nocións básicas de como traballamos aquí.

Agora que nomea ao voluntariado, que papel xoga dentro da institución?

Son imprescindibles e estamos tremendamente agradecidos de que queiran ofrecer o seu tempo libre para axudar a outros, xa que é algo que ocupa un tempo importante. Como dicía, traballamos con diferentes colectivos pero na actualidade estanse a adicar maioritariamente a catro proxectos relacionados coas persoas maiores. A finalidade é apoiar a aquelas que vivan soas, realizar unha función de acompañamento, levar a cabo talleres de memoria, manualidades, manexo da tecnoloxía... Como o de hoxe que está tendo lugar ao aire libre na praza García Barbón e versa sobre o mundo dixital. Principalmente para que poidan saír de casa e socialicen con outras persoas.

É suficiente o número de voluntarios?

Na actualidade son arredor de 30, moi comprometidos, sen eles non poderiamos facer nin a metade das cousas pero é certo que sempre son necesarias máis persoas para poder atender a todos aqueles que o precisan e para cubrir todas as nosas actividades: charlas en centros educativos, reparto de alimentos... Necesitamos moita colaboración, máis se cabe nesta tempada tan complicada na que a xente que demanda a nosa axuda aumentou.

Que outros programas traballan?

Moitos. Un dos que máis me gusta destacar é o de reforzo educativo para os cativos. Primeiro, porque se trata dun programa de conciliación xa que ten lugar polas tardes. E segundo, porque a maioría de usuarios son perfís estranxeiros que teñen dificultades co idioma ou de integración no centro educativo. Isto desemboca nalgúns problemas académicos e con estas clases de reforzo logramos solucionalos. Tamén quero destacar que os adultos que teñan dificultades co idioma se poden beneficiar das clases de español que impartimos para que poidan desenvolverse perfectamente.

Que pretenden co seu labor?

O noso principal obxectivo é acompañar ás familias nas dificultades, ser un apoio para todos eles a longo prazo. Na maioría dos casos, antes de aterrar aquí pasan por Servizos Sociais e esas axudas tardan máis tempo. Nós ofrecemos unha intervención inmediata e funcionamos como o primeiro soporte. Ademais, dámos un paso máis alá, profundizamos. No caso de persoas desempregadas, por exemplo, tamén lles elaboramos un currículo, derivámolos a cursos doutras entidades, informámolos de ofertas de traballo... Intentamos aportar o noso gran de area para non só resolver a necesidade nun momento concreto.

A pandemia cambiounos a todos. Tamén á Cruz Vermella?

Por suposto. En toda a nosa historia sempre intentamos atender ao que a poboación precisara dentro das nosas posibilidades. Este ano e o anterior, por mor da crise do coronavirus, isto intensificouse. Por iso, traballamos no proxecto nacional Cruz Vermella Responde, relacionado con todas as consecuencias da pandemia. Son uns fondos específicos para cubrir situacións particulares: perda de traballo, dificultades para pagar o alquiler... Todos os anos existe este proxecto pero, nesta ocasión, con algo máis de fondos porque a situación así o require.

Aumentou o número de usuarios trala chegada da Covid-19?

Considerablemente, aínda que o incremento notouse máis o ano pasado. Por isto, ademais do proxecto que comentaba anteriormente, contamos coas tarxetas moedeiro. Son un fondo promovido pola Xunta de Galicia para asegurar a cobertura das necesidades básicas que, xunto co Cruz Vermella Responde, dános máis opcións para axudar. Nós encargámonos da súa xestión e do seu reparto e podemos dicir que actualmente o 80% dos nosos usuarios están sendo beneficiarios destas tarxetas.

Achégase o Nadal. Teñen prevista algunha actividade especial?

Coma sempre, queremos garantir que ningún neno pase esas datas sen poder abrir un agasallo así que faremos unha campaña de recollida de xoguetes para todos eles. Deberán ser xoguetes novos que despois nós mesmos distribuiremos entre todas as nosas familias usuarias. Tamén, coa chegada desta época, intentamos apoiar algo máis no tema da alimentación.

NOTICIAS VERÍN | A Cruz Vermella retoma as actividades presenciais con cursos para...