jueves. 25.04.2024
Así serán os accesos ás novas Urxencias do hospital.
Así serán os accesos ás novas Urxencias do hospital.

O perfil de contratación da Xunta de Galicia vén de facer pública a proposta de adxudicación das obras de ampliación do Hospital Público de Verín a favor de Elecnor, Servicios y Proyectos, S. A. U., por un importe de 3.928.315,30 (con I. V. E.) para construír o novo edificio do Servizo de Urxencias e Punto de Atención Continuada (PAC), ademais doutras actuacións para a mellora enerxética do centro.

O avanzado dos trámites para esta adxudicación xa o adiantara o Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na súa última visita ao Hospital Público de Verín, na que detallou as características da nova construción, de planta baixa e cunha superficie de 1.488 metros cadrados, o que ampliará nun 10% os espazos deste centro hospitalario de referencia para a bisbarra de Monterrei. As obras teñen un prazo de execución de menos dun ano, 11 meses.

 

Novo edificio de urxencias

O novo edificio mellorará a funcionalidade destes dous servizos de atención ás urxencias da bisbarra de Monterrei: o Punto de Atención Continuada (PAC) e o Servizo de Urxencias hospitalario, facilitando a súa coordinación e funcionalidade, mediante unha distribución que permitirá xerar distintos circuítos para a atención dos pacientes. Así, inclúe no seu deseño, por vez primeira nunha área de urxencias da comunidade, o doble circuíto preciso para a atención aos pacientes con sospeita de infección respiratoria.

Unha das principais vantaxes do modelo de ampliación é que non será preciso trasladar provisionalmente ningún servizo, ou acometer obras de adaptación habituais nas reformas dentro dun hospital, xa que só se procederá ao traslado unha vez rematado. Ademais, o novo edificio de Urxencias disporá dun acceso exclusivo, a nivel de planta baixa, cunha área de acceso de vehículos, para recoller ou achegar pacientes, e estacionamento propio.

Distribución

Na entrada situaranse Admisión e Triaxe, para facilitar a derivación a un ou outro dispositivo de urxencias. O PAC terá dúas consultas médicas e unha de enfermería comunicadas e, próxima ao acceso, unha consulta de atención a sospeitas de infección respiratoria, cunha sala de espera con aseos exclusivos. Pola súa parte, o Servizo de Urxencias contará con triaxe, dúas consultas polivalentes, unha sala de curas e seis boxes. Deles, un de maiores dimensións para a atención a pacientes críticos e outro, con aseo e espazo previo, para facilitar o illamento de pacientes da Covid - 19.

Ademais, conta cunha sala de observación 24 horas, sala de traballo médico, sala de reunións, farmacia, sala de pre-alta, despacho de información a familiares, dormitorios de persoal e demais espazos de apoio para o funcionamento da unidade. A área de persoal estará separada da zona de atención a pacientes, cun acceso rápido aos puntos de atención.

Unha cuberta de paneis fotovoltaicos

Xunto as obras de ampliación, tamén procederase á renovación da cuberta do hospital e a instalación de paneis fotovoltaicos, que permitirán a coxeneración eléctrica e limitar a dependencia das fontes enerxéticas habituais.

Nos dous últimos anos, no Hospital Público de Verín investíronse máis de medio millón de euros en equipamento, entre o que destaca o novo equipo radiocirúrxico instalado en quirófano; dous novos ecógrafos e a a renovación de todas as lámpadas cirúrxicas.

Máis recentemente, mediante un orzamento de 179.080 euros, o hospital completará nos próximos días a total renovación do seu equipamento de camas, mesillas e sillóns de pacientes coa adquisición de 40 unidades de cada un destes equipos.

NOTICIAS VERÍN | Adxudicada, en catro millóns de euros, a obra do novo edificio de...