sábado. 20.04.2024
Xa poden anotarse os interesados en participar no Obradoiro do Cigarrón.
Xa poden anotarse os interesados en participar no Obradoiro do Cigarrón.

Dende hoxe e ata o vindeiro 23 de novembro permanecerá aberto o prazo de solicitudes para participar na vindeira edición do Obradoiro do Cigarrón, que o Concello de Verín vén organizando dende o ano 1997 -excepto o pasado polas restricións da Covid-.

Estas actividades formativas teñen como obxectivo que o cigarrón, a máscara con máis significado patrimonial do Entroido de Verín, se manteña dentro dun canon de respecto polas formas tradicionais, explicando como facer todos os seus elementos constitutivos, salvo os compoñentes de produción industrial e o pintado da careta e da mitra. Está previsto que finalice antes do Xoves de Compadres do vindeiro ano.

Este obradoiro ofrece a oportunidade ás persoas maiores de idade que conten coas tardes libres a posibilidade de faceren a máscara completa ou partes da mesma -traxe ou careta-, para o que terán que levar todos os materiais e instrumentos necesarios. Para faceren o primeiro, é indispensable que dispoñan de máquina de coser e de coñecementos básicos de confección coa mesma. Ademais, precisan ter adquirido fundamentos previos sobre labor de punto con agulla de calcetar e sobre tecido con agulla de gancho.

Prazas e solicitudes

O obradoiro contará cunha totalidade de 24 prazas para actividades parciais e de 20 prazas, das que mínimo oito estarán destinadas para persoas que realicen a totalidade de actividades, quen terán preferencia á hora de tramitar a solicitude na Casa do Concello. O resto de prazas asignaranse por orde temporal de solicitude.

Prezos

  • Totalidade de actividades: 95€
  • Actividades parciais: 75€

 

NOTICIAS VERÍN | Abre o prazo de inscrición para o tradicional Obradoiro do Cigarrón