miércoles. 09.10.2024
Entrada ao Auditorio Municipal de Verín, sede do Conservatorio.
Auditorio Municipal de Verín, sede actual do Conservatorio. | FOTO: M. D.

O Conservatorio de Música de Verín vén de facer público, a través das súas redes sociais, que xa está aberto o prazo de inscrición para todas aquelas persoas que, sen límite de idade, estean interesadas en comezar os seus estudos de música no nivel profesional. Para iso, "non é necesario ter superado o grao elemental no CMUS de Verín nin en ningún outro, pero si demostrar que se ten o nivel de coñecementos que se ensina neses catro anos", asegura Álvaro Blanco, director do CMUS.

As probas que se van realizar corresponden a prazas do primeiro curso de grao profesional nun único instrumento, por tanto, as persoas que se anoten deberán especificar a que instrumento queren optar (Xosé Antón G. Montesinos, xefe do Negociado de Cultura do Concello de Verín)

O prazo para presentar solicitudes é dende hoxe, 20 de maio, ata o próximo 9 de xuño. Unha vez rematado este período, celebraranse as probas de acceso. Terán lugar o día 14 de xuño ás catro da tarde no Auditorio Municipal, sede actual do CMUS. Constarán dunha proba teórica, común para todos os instrumentos, na que se valorarán diferentes disciplinas como "a linguaxe musical, solfexo e ritmo e a educación vocal e auditiva, esenciais para un profesional da música", afirma o director do CMUS. Completarase a fase de selección cunha proba práctica tocando o instrumento elixido, na que se deberán demostrar os coñecementos equivalentes aos adquiridos no grao elemental.

A solicitude para a realizar a proba de acceso consta dun formulario que deberá ser debidamente cumplimentado cos datos que require e posteriormente, do pago da correspodente taxa. Unha vez aboada, a documentación poderá ser presentada de maneira presencial no Negociado de Cultura de Verín, sita no primeiro andar da casa consistorial, ou ben telemáticamente a través da sede electrónica do Concello.

As taxas

  • 34€ para persoas empadroadas no Concello de Verín ou para posuidores do carné de eurocidadán, ambas cunha antigüidade mínima dun ano.
  • 40,80€ para non posuidores e persoas empadroadas noutros concellos.

Os interesados en realizar as probas de acceso poderán elixir entre as seguintes modalidades:

  • Clarinete
  • Frauta
  • Trompa
  • Trompeta
  • Trombón
  • Tuba
  • Saxofón
  • Guitarra
  • Violín
  • Piano
  • Percusión

NOTICIAS VERÍN | Aberto o prazo de inscrición para as probas de acceso ao grao...