jueves. 25.04.2024
Cartel promocional do primeiro taller destinado á produción da castaña e coidado do castiñeiro impartido a vindeira semana en Verín.
Cartel promocional do taller destinado á produción da castaña e coidado do castiñeiro impartido a vindeira semana en Verín.

O I Taller para a Implantación de Soutos destinados á Produción da Castaña está a piques de comezar en Verín. Trátase dunha iniciativa posta en marcha polo Servizo de Explotacións Agrarias de Ourense, dependente da consellería de Medio Rural, na que o obxectivo é abarcar todas as fases de produción do castiñeiro, dende a súa plantación ata a comercialización do seu froito, a castaña.

Este curso, que comeza o vindeiro día 30 de agosto e se estenderá ata o 8 de setembro, xorde coa perspectiva de chegar a persoas que teñan fincas desaproveitadas ou abandonadas e que busquen darlles un beneficio. "Non vale de nada ter 50 hectáreas de plantación pero que sexan de mala calidade ou non teñas a quen venderlle o produto", afirma Alipio Bermúdez, coordinador do taller. "Tamén está orientado a todas esas persoas que teñan intención de facer unha plantación nova e incorporarse ao sector", engade.

O taller

Durante seis tardes -catro no Auditorio Municipal e dúas no Centro de Desenvolvemento Cooperativo de Pazos-todos os asistentes recibirán a visita e o consello de personalidades do sector como o secretario da Indicación Xeográfica Nacional Castaña de Galicia, Manuel López. Tamén doutros profesionais chegados de diferentes puntos da xeografía nacional, que "darán a coñecer outra visión e outra maneira de traballar", afirma Alipio. O taller darase por rematado coa visita á comarca de Trás-Os-Montes, Portugal, concretamente a unha zona onde "foron prantadas arredor de 16 mil hectáreas de castiñeiros e onde o 80% da poboación vive da castaña. Teñen unha metodoloxía moito máis profesional e ilustran perfectamente o que queremos trasmitir no taller", engade Alipio.

As solicitudes

Todos os interesados poden cumplimentar a súa solicitude por vía telemática e enviala a través do correo electrónico habilitado para os efectos. Tamén de maneira presencial en calquera dos rexistros e oficinas agrarias. O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro 29 de agosto cun aforo reducido de 25 persoas.

NOTICIAS VERÍN | Aberto o prazo de inscrición para o I Taller de Cultivo de Castiñeiros...