Un ano máis o CB Xuventude e o Concello de Verín organizan as escolas deportivas de baloncesto, destinadas a todos os nenos e nenas que queiran practicar este deporte. O prazo de inscrición xa está aberto -ata o 23 de setembro para a categoría Junior; e ata o 4 de outubro para o resto-, polo que todos os interesados poden enviar a folla de solicitude de praza debidamente cuberta ao email [email protected].
É necesario acadar o mínimo de 10 alumnos -máximo 15- para poder crear a categoría, excepto en Benxamín e Alevín, nas que cabe a posibilidade de unión no caso de non ter participantes suficientes para dous equipos diferenciados. A data de inicio da actividade está prevista para o 28 de setembro e prolongarase ata o vindeiro 27 de maio.
Categorías, horarios e prezos
- Baby Basket, única categoría mixta, para nenas e nenos nados entre 2014 e 2015, martes e xoves de 17:30 a 18:30h.
- Benxamín -feminino ou masculino-, para os nados entre 2012 e 2013, martes e xoves de 18:30 a 19:30h.
- Alevín -feminino ou masculino- para os nados entre 2010 e 2011, mércores e venres de 17:30 a 18:30h.
- Infantil -masculino- para os nados entre 2008 e 2009, martes e xoves de 16:30 a 17:30h.
- Infantil -feminino- para as nadas entre 2008 e 2009, mércores e venres 19:30 a 20:30h.
- Cadete -unicamente masculino- para os nados entre 2006 e 2007, mércores e venres de 18:30h a 19:30h.
- Junior -unicamente masculino- para os nados entre 2004 e 2005, martes e xoves de 19:30 a 20:30h.
Os prezos de inscrición serán de carácter anual e ascenden a 80€ para a categoría Baby Basket e 120€ para as restantes.
Deporte seguro
Para garantir a seguridade contra a Covid-19, será obrigatorio que os cativos usen máscaras, xel hidroalcólico e dispoñan dunhas zapatillas de uso exclusivo para a instalación -haberá un lugar habilitado para cambiar o calzado-. Tamén se recomenda non utilizar os vestiarios e contar cunha botella propia, instransferible e debidamente identificada. Este ano non haberá servizo de autobús polo que os desprazamentos correrán a cargo das familias.