domingo. 19.07.2026
O festival verinense avaliará, desta vez, a postverdade

NOTICIAS VERÍN | Aberto o prazo para enviar os filmes que competirán na X edición do FIC

Fic Verín nunha das pasadas edicions.
Fic Verín nunha das pasadas edicions.

O FIC Vía XIV abre as inscricións a concurso da súa décima edición, que se desenvolverá entre o 28 de agosto e o 6 de setembro, e na que se tratará un tema de gran actualidade: o da postverdade. Os cineastas que desexen presentar as súas creacións a concurso poderán facelo ata o mes de abril a través das plataformas Festhome e Shortfilmdepot, accesibles de xeito directo dende a web do festival.

Para este décimo aniversario dende a directiva anuncian que o festival apostará por incrementar a contía dos
premios das seccións oficiais A Raia e Nova, as únicas que conformarán o concurso oficial desta edición, cunha dotación económica que pasa dos 750 aos 1.000 euros: "Tras dez anos de festival, e froito da experiencia acadada nesta década de vida, realizamos un cambio estratéxico para apostar polos creadores, que son quen sosteñen o FIC Vía XIV", afirma Carlos Montero, director do festival.

Como novidade, a programación contará cunha actividade que, a través do cinema, explorará en profundidade unha subtemática do leitmotiv do festival, que nesta edición será a da Postverdade e que mudará cada ano.

Como diferenciar a realidade dos relatos que se constrúen con outros fins e se cravan directamente en nós? Hai unha soa verdade ou cada persoa ten a súa propia? Nun entorno mediático saturado de imaxes, fotografías e narrativas coidadosamente construídas, o FIC Vía XIV busca nesta edición filmes que aborden a verdade non só dende un punto de vista factual, senón tamén dende a subxectividade dos seres humanos.

O festival, no seu décimo aniversario, colócase no epicentro do tremor informativo que nos ven sacundindo nos últimos anos para botar man do cinema como ferramenta a través da que reflexionar en conxunto e avivar o diálogo.

O cinema como un faro que nos alumea

Na sección oficial A Raia, o FIC Vía XIV permanece fiel as súas raíces traendo a Verín o mellor do cinema galego-portugués, piar esencial da identidade do festival. Na sección oficial Nova mantense e poténciase o espazo reservado para filmes contemporáneos que desafían formatos obsoletos, ofrecendo unha plataforma para voces innovadoras e perspectivas frescas.

Como novidade, o festival contará cunha sección de proxeccións de programación propia, que non participan en concurso, nas que se desfiañarán as lindes entre a verdade e a desinformación e a percepción coa manipulación, explorando como os medios de comunicación constrúen relatos que poden ser enigmáticos e profundos como o océano.

Con todo, este cambio de rumbo non deixa atrás a esencia do FIC Vía XIV, que continúa esfiañando o concepto de fronteira dende distintos puntos de vista.

NOTICIAS VERÍN | Aberto o prazo para enviar os filmes que competirán na X edición do FIC