jueves. 18.04.2024
PHOTO-2021-06-04-13-10-16
A óptica e centro auditivo Odette, na avenida Luís Espada de Verín. | FOTO: Iván Iglesias

Odette Santos non é unha descoñecida da vila porque leva, nada máis e nada menos, que 35 anos ao servizo dos veciños. Esta óptica, optometrista e audimetrista, natural de Verín, deu os seus primeiros pasos no mundo desta disciplina en Madrid, lugar onde realizou os seus estudos ata o ano 1984. "Estudei na Universidade Complutense e creo que son a primeira persoa nacida en Verín que se formou en óptica", conta, orgullosa. Máis tarde, desprazouse ata Granada para conseguir a homologación do título. "Antes era unha diplomatura de tres anos e para que contara como licenciatura había que cursar esa especialización", engade. A pesar de percorrer varios puntos da xeografía nacional, Odette nunca esqueceu a orixe das súas raíces. "Plantexeime quedar a traballar en Madrid pero finalmente decidin, xunto co meu marido que tamén é de Verín, achegarme máis á miña terra e á miña familia. Por suposto que non me arrepinto".

PHOTO-2021-06-04-13-10-16 (1)Odette Santos, óptica e optometrista. | FOTO: Iván Iglesias

Iso ocorreu no outono do ano 86 cando abriu o seu primeiro local comercial no número 28 da avenida Luís Espada. Uns anos máis tarde, expandiu o seu negocio abrindo un novo espazo na mesma rúa, pero á altura do 84. Durante varios anos conviviron ámbolos dous pero, dende hai máis dunha década, a súa dedicación é exclusiva no segundo. Alí realiza a análise, o diagnóstico e o tratamento relacionados coa óptica, optometría e audioprótese. "Graduamos a vista, aconsellamos gafas e lentes de contacto. O mesmo cos audífonos, adaptando todo ao perfil do cliente e realizando análises clínicas semicompletas", explica Odette.

Polo momento, o equipo formado por dúas persoas é suficiente para realizar todos estas funcións. Odette, xunto con Carmen, a súa compañeira, "analizamos a agudeza visual e a visión exacta de cada persoa. Despois facemos unha análise xeral incluíndo o lagrimeo, o que nos da pistas, por exemplo, sobre posibles síntomas de miopía ou hipermetropía", afirma. No caso da audiometría o procedemento é similar. "Primeiro avalíase ao paciente, faise unha diagnose e recomendamos o máis adecuado para el. Por suposto, hai varios prezos e promocións durante todo o ano. Non obstante, hai algunhas nas que non estou de acordo. Son partidaria de que os clientes compren unicamente o que precisan. De nada vale que gasten 120€ en dúas gafas cando só precisan unhas, por iso o noso consello é esencial", engade.

PHOTO-2021-06-04-13-13-43O interior do local comercial Odette. | FOTO: Iván Iglesias

O obxectivo de Odette durante todos estes anos é manter no seu servizo un mínimo de calidade para que o cliente quede satisfeito. "O máis importante é que o cliente estea contento co resultado. A boa atención tradúcese en que non sexan enganados e que poidamos manter a súa confianza para toda a vida. Nós traballamos cada día para que iso pase, ofrecendo todo tipo de garantías para os produtos que saen de aquí". E, aínda que a pandemia afectou moito ao seu traballo, ten esperanzas de que a situación mellore aínda que "estou segura de que todo vai ser diferente ao que estabamos acostumados. Imos ter que afacernos ás citas previas e a coidarnos un pouco máis. A miña clientela é basicamente xente maior que leva comigo toda a vida e que ten un pouquiño máis de medo a facer vida normal", lamenta.

Agora, despois de tantos anos, afirma non estar cansa e aínda non pensa na xubilación. "Quédanme cinco anos pero creo que seguirei ata que poida, non concibo a miña vida sen o meu traballo". Como mostra diso, a súa constante formación con diferentes cursos en liña. "Fago todo tipo de cursos por videoconferencia, os que máis me gustan. Sobre todo de tecnoloxía que non deixa de avanzar e teño que estar adaptada e actualizada cada día. Non se pode deixar de aprender nunca", remata.

NOTICIAS DE EMPRESA | A óptica Odette, tres décadas de servizo coas mellores 'vistas'