A candidata do BNG por Ourense, Noa Presas; a voceira do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda; e o tenente alcalde da vila de Monterrei, Diego Lourenzo, visitaron o paso fronteirizo da Eurocidade Chaves-Verín este martes, nunha das primeiras actividades da precampaña electoral da formación nacionalista. Presas e Miranda destacaron o papel de Verín como exemplo de mobilización social reivindicando o dereito a unha sanidade pública e reafirmaron o seu compromiso de non darlle as costas ás relacións con Portugal para comezar a construír outra realidade galega dende o vindeiro 12 de xullo.
Presas comezou explicando a importancia do BNG nas institucións poñendo como exemplo a labor da compañeira de organización, Ana Miranda, no Parlamento europeo “levando os intereses de Ourense a Bruxelas: tanto na limpeza dos ríos, o Alvia ...”. Asemade, comprometeuse a que "a partir do 12X non lle daremos as costas á relación con Portugal" promovendo o desenvolvemento socioeconómico. "Estamos nun lugar onde hai un forte intercambio económico e social que agora se está vendo moi prexudicado co peche das fronteiras", destacou a candidata por Ourense.
"Non é lóxico que houbera discrepancia entre Estados para abrir as fronteiras segundo os intereses particulares", continuou explicando. "Ten que aplicarse unha normativa única para todos os Estados membros e sobre todo para os máis afectados polo coronavirus. Non é normal que en Bélxica estean desde o principio os parques infantís abertos e aquí non se abran as escolas infantís”, criticou a portavoz do Bloque en Europa.
Por outro banda, a voceira do BNG en Europa fixo referencia á loita mantida na comarca a prol do paridoiro "como exemplo de resistencia nunha provincia que presenta un grave problema de despoboamento. Nada é máis digno que reivindicar un lugar para nacer".
Negociacións en Europa cun goberno galego propio
Nesta crise do coronavirus víronse como en moitos casos a mellor cara das persoas e moitas institucións, mais a formación nacionalista engadíu que tamén se ten exemplos do contrario. "Vimos a sombra desa Europa insolidaria, neoliberal e ao servizo de intereses de determinados países por riba do colectivo como amosou o debate respecto da posibilidade dos coronabonos", engadiron desde o BNG. Nese sentido, a deputada sinalou que a nivel europeo vai haber mudanzas en cuestións orzamentarias como a propia Política Agraria Común (PAC) ou os Fondos de Cohesión.
"Precisamos un goberno galego sen ataduras, que faga o que non fixo Feijóo nestes 11 anos, que marque posición nos grandes temas obedecendo exclusivamente ao interese de Ourense e de Galiza", afirmou Presas. Para a candidata do BNG non se pode confiar a negociación da letra pequena do noso futuro "aos mans dos recadeiros de Casado, de Sánchez ou de Iglesias. Con este motivo, o BNG preséntase como a garantía de facer valer Galiza e Ourense nas negociacións que veñen no futuro", dixo Presas Bergantiños.
"Presentámonos a estas eleccións co aval do traballo da incansábel Ana Miranda ao longo destes anos no Parlamento Europeo, sendo a voz dos intereses de Galiza", destacou Presas enumerando as reivindicacións máis destacadas que o BNG levou á cámara europea: limpeza dos ríos, a procura da verdade e xustiza para o caso Angrois, a solución das preferentes, as denuncias das emigrantes retornadas...
As representantes nacionalistas estiveron acompañadas nesa visita por Perfecta Losada, voceira do BNG no Concello de Oímbra, e unha das que acudira a Europa para loitar, entre outras, pola causa do Támega e o seu abandono ao seu paso polo municipio que preside Villarino Pardo.