jueves. 25.04.2024
Emilia Somoza, José Ángel Rodicio e Santos Álvarez presentaron hoxe a programación do Nadal en Verín.
Emilia Somoza, José Ángel Rodicio e Santos Álvarez presentaron hoxe a programación do Nadal en Verín.

A concelleira de Educación Cultura e Festexos, Emilia Somoza, xunto co xerente e o presidente da Asociación de Empresarios de Verín -AEVER-, José Ángel Rodicio e Santos Álvarez, presentaron o programa de actividades para este Nadal. Serán un total de trece ofertas de lecer, cultura e dinamización do comercio local deseñadas para o goce de todos os públicos, que se estenderan desde o día 5 de decembro ata o domingo 8 de xaneiro. Xuntos quixeron tamén facer un chamamento cidadán á responsabilidade de todos para que se cumpran as medidas de prevención establecidas e se minimice o risco de expansión da COVID-19.

Velaí as actividades programadas por datas:

  • Do 20 de outubro ao 26 de decembro | OS 6.000 de Verín

A campaña organizada por Aever en colaboración co Concello estenderase ata o vindeiro 26 de decembro e resolverase o día 30 ante notario. Aínda podedes facervos cos vosos boletos para participar no sorteo e gañar algún dos suculentos premios, mercando nos comercios da vila. 

  • Desde 22 decembro ao 7 de xaneiro | Ludonadal

O pavillón municipal acolle este servizo de luns a venres, de 10:00h a 14:00h e de 16:00h a 20:00h, co obxecto de facilitar a conciliación dos pais e nais e proporcionar aos menores un espazo de lecer durante as vacacións de Nadal.

  • Do 8 de decembro ao 9 de xaneiro | Belén da Viruca

Este Belén de gran tradición familiar mostra a veciños e veciñas e visitantes escenas típicas da tradición relixiosa e elementos da actualidade galega, no que colabora a UAP de Verín. Estará ubicado, coma sempre, no salón parroquial en horario ininterrompido de 10:00h a 22:00h.

  • Ata o 6 de xaneiro | Pasarrúas temáticos

As rúas da vila encheranse de música e cor con esta actividade organizada por Aever. Terá lugar en cada unha das prazas da vila: praza da Mercé, García Barbón e praza do Concello.​

  • 27, 28, 29 e 30 de decembro | Xogos inchables

Tamén nas prazas da vila os cativos poderán acceder a divertidas atraccións inchables.

  • 4,5,6,7 e 8 de decembro | Feira de Nadal

 A praza Maior acolle, de 10:00h a 22:00h, este mercado con postos de artesanía, decoración, alimentación, regalos e doces. A ambientación musical correrá a cargo de grupos locais e os máis pequenos tamén terán sorpresas coas visitas de Papá Noel e o Apalpador. De luns a mércores, tamén está dispoñible o servizo de ludoteca.

  • 18 de decembro | Concerto de Nadal do CMUS

No Auditorio municipal, a partir das 19:00h, coa actuación de alumnas e alumnos de todas as especialidades. 

  • 25 de decembro | Concerto do verinés Emilio Rúa

O cantautor Emilio Rúa dará un espectáculo musical de panxoliñas versionadas dun xeito moi actual e moderno. Un concerto íntimo e especial de Nadal que terá lugar no Auditorio, ás 19:00h, e por un prezo de 5€. Entradas á venda en ataquilla.com.

  • 26 de decembro | Os Bolechas e os Quebranoces

Quenda de desfrute para os máis pequenos e o resto da familia. Unha trepidante aventura chea de diversión no Auditorio, a partir das 18:00h e a un prezo de 5€. Entradas á venda en ataquilla.com.

  • 2 de xaneiro | Concerto de Nova Era

A Banda de Gaitas Nova Era ofrece, no Auditorio municipal, un concerto a partir das 19:00h por unha entrada de 3€, á venda no mesmo edificio da actuación.

  • 5 de xaneiro | Gran Cabalgada de Reis Magos e proxección dun espectáculo familiar de vídeo 

As súas maxestades partirán ás 18:00h dende o asilo e percorrerán as rúas de Verín nunha espectacular cabalgata. A ruta finalizará na praza do Concello, onde se proxectará un espectáculo en vídeo na fachada da casa consistorial.

  • 6 de xaneiro | L´yberic Crescendo - Concerto tributo a Il Divo

Este grupo lírico-vocal, formado por tres novos cantantes con dilatada experiencia, ofrecerán un espectáculo con cancións míticas do cinema ata baladas do rock de todos os tempos. A partir das 19:00h no Auditorio, con entradas a 10€ dispoñibles en ataquilla.com.

  • 8 de xaneiro | Gisela e Disney Kids

Chega a Verín un espectáculo musical para toda a familia onde Gisela, un fada máxica, carismática e con voz anxelical, nos introducirá nunha fantástica e apaixonada viaxe de moitas aventuras Disney a partir das 19:00h no Auditorio. Entradas á venda en ataquilla.com.

NOTICIAS VERÍN | Música, eventos para a cativada e unha gran cabalgata de Reis,...