O Parque da Preguiza de Verín será o escenario perfecto para desfrutar da música, o baile e o vestiario tradicional de tres países o vindeiro xoves 14 de agosto. As Xornadas de Folclore da Deputación de Ourense traen á vila unha explosión de cor e tradición coa participación de tres agrupacións de prestixio internacional que actuarán ás 22:30 horas. Unha oportunidade única para que veciñas e veciños de todas as idades poidan gozar, de xeito gratuíto, dunha mostra da riqueza cultural de diferentes recunchos do planeta.
Desde o noroeste da Arxentina, chega o Ballet Huayra Muyoj, fundado en 1968 na cidade de Salvador de Jujuy. A súa situación xeográfica fronteiriza enriqueceu o seu repertorio, que inclúe folclore andino, gaucho, zapateados de orixe español e tango, todos eles acompañados dun vistoso e colorido vestiario que cativa aos sentidos. A súa longa traxectoria e as dezaseis xiras realizadas por países europeos garanten un espectáculo de calidade.
Tamén pisará o escenario o grupo Philcas of BC, procedente de British Columbia (Canadá), e formado por descendentes de emigrantes filipinos. Creado en 1999 coa intención de manter os lazos culturais co seu país de orixe, o grupo de danza filipina xa ten participado en festivais internacionais e esta será a súa segunda visita a España, despois de dez anos.
O elenco de agrupacións complétase con Folk Dance Ensemble "Volynianka" de Ucraína. Fundado en 1959 en Lutsk, o grupo é coñecido por representar o folclore da Polesia, a rexión pantanosa que se estende por Ucraína, Bielorrusia e Polonia, con bailes que representan o ciclo festivo anual rural. Cunha dilatada traxectoria, teñen acadado numerosos premios e o recoñecemento do público en festivais de toda Europa.

