viernes. 19.04.2024
Os asistentes estarán convidados a un viño ao remate do acto nos bares da contorna

Iván Olmos Ferreiro celebra na Praza García Barbón o mitin central de En Marea na comarca

Iván Olmos, o limián número un ao Congreso por Ourense da formación cidadanista En Marea, falará este sábado na praza García Barbón da vila arroupado polo líder e voceiro nacional, Luís Villares. Exporá as principais medidas que levará ao Congreso no "goberno progresista que se constitúa, ao que non lle daremos cheques en brano para gobernar", adiantou Olmos Ferreiro.

ivan en aever
Jorge Lorenzo Vila e Iván Olmos Ferreiro, na xuntanza cos empresarios da vila de Verín.

Non terán pasado nin 24 horas dende que o número un de En Marea ao Congreso por Ourense, Iván Olmos Ferreiro, estivo por Verín e volve xa de novo á vila do Támega para deixarse ver na praza García Barbón, onde terá lugar o mitin central da súa campaña na comarca.

O limián, que esta tarde mantivo un encontro con empresarios e representantes da Asociación de Comerciantes de Verín, AEVER, na sede deste organismo, estará arroupado polo voceiro nacional da formación cidadanista, o parlamentario autonómico Luís Villares, ademais doutros membros da candidatura, como o lazano Jorge Lorenzo Vila, número tres ao Senado tamén pola provincia.

O evento terá lugar na praza García Barbón de Verín a partires das 12,30 horas. Antes de comezar, tanto Iván Olmos Ferreiro como Luís Villares aproveitarán os instantes previos para percorrer as rúas da vila explicando as principais medidas que levarán ao Congreso dos Deputados, coas que facer valer os intereses de Ourense. Tamén repartirán invitacións ao mitin posterior, no que os asistentes terán un pequeno agasallo nos locais de hostelería da contorna: todos aqueles que agarden ao remate terán dereito a unha consumición gratuíta nos establecementos do casco vello. Para iso, deberán recoller a invitación e presentala, debidamente selada pola organización ao remate da convocatoria, nas cafeterías colaboradoras. 

Villares e Olmos terán, non moi lonxe de Verín, a segunda e última cita importante do día. Estarán tamén no mitin central en Xinzo de Limia, fixado para las 20:00 horas na Casa da Cultura limián.

Iván Olmos Ferreiro celebra na Praza García Barbón o mitin central de En Marea na comarca