sábado. 20.04.2024
Stand de "Verín, vila balnearia" na última edición de Termatalia. | FOTO: Jainer Barros.
Stand de "Verín, vila balnearia" na última edición de Termatalia. | FOTO: Jainer Barros.

Os máis de 6.000 profesionais que visitaron o stand de Verín instalado na 20ª edición de Termatalia confirman o rotundo éxito de participación obtido este ano. Coa súa caseta "vila balnearia" o Concello de Verín presentou a súa aposta da promoción do turismo sostible e de saúde. Unha "buvette" rodeada por distintas imaxes cos fitos termais da vila foi un dos máis valorados polos visitantes.

Tras máis de dúas décadas participando en Termatalia, a feira máis importante de termalismo a nivel internacional, Verín presentábase este ano ao evento de forma individual co obxectivo de potenciar a imaxe turística como vila balnearia, tanto entre profesionais do sector como entre os visitantes ao evento xa que se fomenta o intercambio de experiencias co fin de impulsar o mercado estratéxico do Turismo sostible e de Benestar.

O stand estivo a cargo da técnica de Turismo do Concello de Verin, que deu resposta ás múltiples cuestións e dúbidas que os visitantes expuñan á chegada da caseta; na súa maioría profesionais do sector, expertos en turismo de benestar ou empresarios do sector turístico.

Verin aproveitou o evento para promocionarse como destino turístico termal xunto con Chaves, mantendo reunións con empresas e consultoras profesionais do sector termal con ampla experiencia na xestión da industria do turismo.

Os visitantes

A feira de termalismo converteuse un ano máis en marco formativo para o alumnado dos distintos centros de Formación Profesional de Galicia e Portugal e entre os que se incluían ademais alumnos da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela.

O presidente da Asociación Europea de Cidades Históricas Termais Manuel Baltar; Ana Villarino, alcaldesa de Oímbra e  Deputada provincial, responsable de Termalismo; Manuel Campos Velay, presidente de Vilas Termais de España; o secretario xeral de Great Spa Towns of Europe, Paul Simons; Alejandro Rubín, presidente da Asociación Internacional para a Cooperación Turística; médicos hidrólogos, hostaleiros; así como diferentes plataformas de comercialización Turísticas interesáronse por saber que ofrece Verín.

Máis de 6.000 persoas visitaron o stand de Verín en Termatalia