
O Concello de Verín vén de presentar a obra “Historia de Verín en 100 obxectos”, unha iniciativa que pretende contar, dunha maneira diferente, a longa historia común e as particularidades dos oito concellos que forman a comarca de Monterrei a través de 100 obxectos que definen a súa identidade cultural.
A idea non é nova, parte da publicación “A history of the world in 100 objects” do British Museum, e pretende achegarnos non só ás diferentes etapas históricas, senón tamén aos aspectos da economía, á sociedade, aos ciclos festivos, aos persoeiros, á vida cotiá, ao arte..., que durante toda a existencia da vila foron facendo iso, historia da comarca. Todo isto tenta quedar materializado e recollido nun cento de pezas mobles que os simbolizan e que aparecen explicadas por Alberte Reboreda Carreira e Nieves Amado Rolán, autores do libro e perfectos coñecedores da comarca de Monterrei e da súa capitalidade.
A partir da vinderia semana, aqueles que queiran coñecer esta interesante visión da comarca poderán achegarse ata o Museo Claustro Mercedario ou a Biblioteca Municipal de Verín para adquirir o seu exemplar ao prezo final de 29 euros.
A identidade é o factor clave na construción do noso futuro como cidade e como comarca. Con ela, teremos unha columna vertebral que nos axudará a camiñar erguidos cara o noso futuro (Gerardo Seoane).
“A historia de Verín en 100 obxectos” vén a ser a pedra mestra dun proxecto que ten como fin a recuperación e posta en valor da identidade cultural da vila e da comarca. En palabras de Gerardo Seoane, alcalde do Concello de Verín, “a identidade é o factor clave na construción do noso futuro como cidade e como comarca. Con ela, teremos unha columna vertebral que nos axudará a camiñar erguidos cara o noso futuro.”
MOITO QUE VER E CONTAR
Verín conta hoxe en día cunha estudada oferta divulgadora dos elementos que conforman a súa identidade, dende os seus prezados balnearios ata os elementos arqueolóxicos ou enolóxicos que alberga o Museo do Claustro Mercedario. Este libro, “A historia de Verín en 100 obxectos”, é unha obra magna, erudita e accesible que pretende facer gozar aos lectores dunha achega ao noso pasado á vez que axuda a que cadaquén constrúa a súa propia lista de obxectos definitorios da súa historia e identidade persoal.