Venres. 29.03.2024
o candidato de en marea protagonizou o mitin central da comarca na praza garcía barbón

Iván Olmos alerta do "posible peche" da cociña do hospital de Verín

O limián Iván Olmos Ferreiro pechou o mitin central de En Marea na comarca do Támega, este sábado, facendo unha encendida defensa dos servizos públicos como únicos garantes de éxito na loita contra o despoboamento no rural, amosando como mostra "das políticas calculadas o posible peche do servizo de cociña do hospital comarcal, para que sexan servidas dende Ourense".

O cabeza de lista ao Congreso por Ourense de En Marea, o limián Iván Olmos Ferreiro, comezou este sábado un amplo periplo provincial na vila de Verín que o levou, logo de estar no val do Támega, polas terras que o viron nacer e onde visitou unha explotación agrícola hidropónica e outra gandeira no Concello de Os Blancos. Fíxoo antes de rematar co mitin central da capitalidade de Xinzo, na Casa da Cultura limiá. Na expedición estivo en todo momento acompañado polos compañeiros das candidaturas ao Congreso e o Senado, entre os que se inclúe o lazano Jorge Lorenzo Vila, e tamén polo voceiro nacional da formación cidadanista, Luís Villares.

Luís Villares, de En Marea, no mitin de Verín.Luís Villares, o voceiro nacional de En Marea, dirixíndose ao público na praza García Barbón.

Pouco han tardar de externalizar o servizo de comida neste hospital, e cando o fagan, dende ónde a van a traer? Van a traela dende Ourense e o persoal que está contratado na cociña quedará na rúa nun proceso perfectamente planificado que nos levará a perder a atención sanitaria de proximidade e concentrala na capital de Ourense

Na encendida -tamén polas altas temperaturas rexistradas no mediodía tamagano-, comparecencia, Iván Olmos Ferreiro, incidindo na lacra despoboacional que está a sufrir o rural galego, e máis acusadamente o ourensán, alertou do posible peche da cociña do hospital comarcal e o traslado da preparación dos xantares e ceas cara a capital para seren servidos dende alí. Fíxoo, na exposición do grave problema da sangría de persoas e servizos que rexistran as aldeas galegas: "Pouco han tardar de externalizar o servizo de comida neste hospital, e cando o fagan, dende ónde a van a traer? Van a traela dende Ourense e o persoal que está contratado na cociña quedará na rúa nun proceso perfectamente planificado que nos levará a perder a atención sanitaria de proximidade e concentrala na capital. Cómo a xente vai a querer vivir no rural se non ten os máis mínimos servizos públicos para vivir que son a educación e a sanidade?", preguntou Iván Olmos ao público concentrado na praza García Barbón, reiterando que "cando unha escola unitaria pecha nunha aldea, esa aldea firma a súa sentenza de morte porque xa non hai razóns para ter unha familia e criala alí", sinalou. E apuntou a solución para que iso non chegue a acontecer: "A xente de rural paga os mesmos impostos que os que viven en Ourense, A Coruña ou Vigo, e temos os mesmos dereitos que os que viven nas cidades. Os servizos públicos teñen que ser entendidos como un dereito de todos, e non aplicar neles criterios de rentabilidade", recalcou.

A xente de rural paga os mesmos impostos que os que viven en Ourense, A Coruña ou Vigo, e temos os mesmos dereitos que os que viven nas cidades. Os servizos públicos teñen que ser entendidos como un dereito de todos, e non aplicar neles criterios de rentabilidade

Tamén as infraestruturas e a aposta inversora que precisan, segundo o candidato ao Congreso Iván Olmos, tiveron un notable protagonismo no discurso de peche do mitin. "O outro día, no debate organizado por Diario do Támega, Ana Vázquez -candidata polo PP- díxonos que o AVE está ben porque aumentaron moito os viaxeiros cara Madrid. E eu me pregunto: a ónde carallo van a ir, se non temos outro tren que vertebre esta provincia porque acabaron con todas as estacións e os ferrocarrís de cercanías?", lle preguntou ao asistentes, anunciando que as propostas de En Marea pasan, "necesariamente", por vertebrar "tamén esta provincia coas comunicacións de proximidade, con loitar en Madrid para que nos vindeiros orzamentos se garanta e blinde un esforzo inversor nas comunicacións entre as cabeceiras de comarca desta provincia".

Mitin de En Marea na praza García Barbón de Verín.Asistentes ao mitin que tivo lugar este sábado na praza García Barbón de Verín.

Rematou o candidato limián recalcando que a "verdadeira ourensanía non é a que nos venden dende o Pazo Provincial, a verdadeira ourensanía está aquí, na xente organizada defendendo os seus dereitos. Estou convencido de que seremos unha morea de xente nas furnas e Ourense terá, si, unha representación que saia do bipartidismo no Congreso, agardo estar á altura", concluíu antes da pechada ovación do público asistente, entre os que se atopaban o alcalde da vila, Gerardo Seoane, o de Castrelo do Val, Vicente Gómez ou mesmo o xerente da Asociación de Empresarios e Comerciantes de Verín, José Ángel Rodicio.

Iván Olmos alerta do "posible peche" da cociña do hospital de Verín