domingo. 19.07.2026
A Xunta entregou ao centro verinés un segundo premio na modalidade "Tolerancia cero contra o acoso escolar"

A IMAXE DE... | O recoñecemento ao Chivite polas súas boas prácticas no eido da convivencia escolar

20250424 IES Xesús Taboada Chivite recolle premio convivencia 0acoso escolar 2025 César Sánchez, Román Rodríguez, conselleiro, Judith Fernández, DX Innovación educativa
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, foron os encargados de entregar os premios. | FOTO: IES Xesús Taboada Chivite.

O IES Xesús Taboada Chivite foi un dos 18 centros de ensino galegos recoñecidos pola Consellería de Educación nos premios "ConVivimos e Tolerancia cero contra o acoso escolar". O conselleiro Román Rodríguez e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, foron os encargados de entregar á dirección do instituto verinés o segundo premio na modalidade de "Tolerancia cero contra o acoso escolar" na Cidade da Cultura.

Un galardón do que se sinten moi orgullosos no IES Xesús Taboada Chivite por ser un "recoñecemento ao traballo realizado nos últimos dez anos grazas á implicación do noso claustro e á participación activa do alumnado na acción titorial". Dez anos de esforzo levando a cabo unha iniciativa innovadora para facer do centro de ensino verinés un lugar onde todos e todas se sintan seguros e respectados que, agora, é recoñecida pola Xunta de Galicia.

20250424 Premios ConVivimos e Tolerancia cero contra o acoso escolar
Os premios "ConVivimos e Tolerancia cero contra o acoso escolar" foron entregados na Cidade da Cultura.

Román Rodríguez aproveitaba o acto de entrega dos premios para gabar o compromiso dos equipos docentes e o seu labor a prol dun ensino máis inclusivo. Uns premios que buscan fomentar a participación do alumnado en iniciativas que promovan valores como o respecto aos dereitos humanos, a atención á diversidade, a convivencia positiva, o bo clima escolar e o benestar emocional.

Tamén o IES Carlos Casares de Viana do Bolo recibía unha mención de honra na modalidade "Premio de boas prácticas de educación inclusiva 2024".

A IMAXE DE... | O recoñecemento ao Chivite polas súas boas prácticas no eido da...