viernes. 26.04.2024
O BNG opta á alcaldía de Verín logo de dous mandatos participando do cogoberno.
O BNG opta á alcaldía de Verín logo de dous mandatos participando do cogoberno.

O Bloque Nacionalista Galego de Verín vén de presentar a súa candidatura para as vindeiras eleccións municipais convencidos de que é a mellor opción para liderar o próximo goberno municipal.

Segundo aseguran dende a formación nacionalista, "a forza desta candidatura reside na pluralidade e calidade das persoas que a compoñen, persoas que representan a todo o tecido social da nosa vila e que se achegan ao BNG para sumar forzas neste proxecto", din.

 

A candidatura está integrada por 27 persoas (17 + 10 suplentes), o máximo que permite a lei: "Sentimos moito orgullo desta candidatura, porque unha vez máis contamos con moitos novos apoios que se suman ao BNG convencidos de que é a mellor alternativa. O agarimo e as boas sensacións que nos traslada a xente materialízanse nesta ampla lista", destacou Diego Lourenzo, tenente de alcalde e candidato á alcaldía.

 

Unha candidatura interxeracional que combina a experiencia de dous mandatos coa incorporación da mocidade comprometida que encarna o futuro. Dende o BNG local destacan a calidade humana que supón a entrada de persoas independentes nesta lista, como xa vén sendo habitual nas candidaturas do BNG. "Apostamos por persoas independentes pois suman unha visión aberta e plural da sociedade verinesa. Verín é diverso e polo tanto a candidatura que represente á vila tamén debe selo", engadiu Diego Lourenzo.

 

Ao longo destes anos, a xestión do BNG impulsou a dinamización cultural de Verín, apostou pola formación e a educación como eixo vertebrador para o futuro e puxo en valor o traballo asociativo dos colectivos sociais, "crendo firmemente que os servizos públicos deben ser da veciñanza, por iso se levou a cabo a recuperación de varios servizos públicos que foran privatizados no pasado", finalizou o candidato nacionalista Diego Lourenzo. 

A IMAXE... | Da candidatura do BNG ao Concello de Verín