Este xoves, na sede da Denominación de Orixe Monterrei, o seu presidente, Manuel Vázquez, e o máximo mandatario do Verín Club de Fútbol, Juan Carlos Francisco Rivera, revalidaron, coa súa sinatura, o convenio de colaboración entre ámbalas entidades, o décimo terceiro que asinan de xeito ininterrompido, dende que no ano 2012 arrincará o apoio do Consello Regulador ao primeiro equipo deportivo da vila de Verín.
Manuel Vázquez Losada, o presidente da Denominación de Orixe, asegurou no momento da firma que “unha entidade como é esta institución ten que estar a carón tamén de toda proposta deportiva de calidade, como o é o Verín C.F., perfecto embaixador dos nosos viños por toda Galicia domingo a domingo, levando ás súas costas, e nunca mellor dito, o nome do esforzo e suor de viticultores, produtores, adegueiros e de todos os que fan que esta Denominación medre ano tras ano”.
Vázquez Losada aproveitou para desexarlle ao presidente do Verín C.F. moitos éxitos deportivos e confirmoulle que “a D.O. sempre estará aquí para facer aínda máis grande a un clube que queremos velo loitando e dándonos tantas alegrías como cando naquela tempada 2003-2004 estivo loitando polo ascenso á extinta Segunda B”.
Pola súa banda, Juan Carlos Francisco, o presidente do Verín C.F., agradeceu os azos e significou, logo da sinatura, que “a colaboración de D.O. Monterrei é fundamental para que o equipo e a súa afección continúen vivos. Sen o voso apoio económico, saír ao campo todos os domingos sería case imposible”.
