domingo. 19.07.2026
A Xunta comeza mandar persoal técnico que ata o de agora lle negara ao Concello

A IMAXE DE... | O fin do bloqueo municipal en Verín?

20241230 Gerardo Seoane, alcalde de Verín, e Carlos Neira Cortizas, secretario concello Verín
Gerardo Seoane, alcalde de Verín, e Carlos Neira Cortizas, o novo secretario do Concello verinés. | FOTO: Anabel G. Simón.

Tiveron que pasar 15 meses, pero ao fin o Concello de Verín conta cunha persoa que exercerá as funcións de fe pública e asesoramento legal. É dicir, ao fin o Concello de Verín conta cunha persoa que exercerá como secretario municipal. Semella que a parálise económica que vén sufrindo o Concello de Verín nos útlimos tempos está a piques de finalizar e as augas volverán correr como é debido.

Trátase de Carlos Neira Cortizas, economista de profesión, investigador social e cunha ampla vagaxe coma analista e asesor político. Dende o venres, Carlos Neira xa está incorporado. Agora tócalle exercer a responsabilidade administrativa de organizar as sesións dos Plenos municipais e das Xuntas de Goberno, custodiar a documentación, levantar actas... en definitiva, dará fe do acontecido. Tamén será o encargado da realización de informes preceptivos e de asesorar legalmente á Corporación municipal.

O fin da parálise municipal?

Nado na zona de Ferrol, criado en Fene e cunha vida que o levou vivir en moitas localidades, Carlos Neira licenciouse na Universidade de Santiago de Compostela. A súa traxectoria profesional está moi ligada ao día a día das corporacións municipais; traballou nos Concellos de Santiago de Compostela, A Coruña e O Grove e, tamén, foi concelleiro en Fene.

Agora chega a Verín dende as listas de interinos da Xunta e substituirá a Pilar del Carmen Saborido Díaz, a quen Gerardo Seoane cesou en setembro de 2023 logo de moitos encontronazos entre a exsecretaria -afín a Jiménez Morán- e o grupo de Goberno actual que provocaron a práctica paralización do Concello de Verín.

Fontes municipais confirmaron a esta redacción que, ao longo do mes de xaneiro, tamén se cubrirán os postos de Intervención e de Tesourería. Sendo así, a parálise económica que sufriu o Concello de Verín vaise solventar en breve e poderase normalizar a actividade económica e política.

A IMAXE DE... | O fin do bloqueo municipal en Verín?