sábado. 12.10.2024
os traballadores están convocados a unha asemblea para programar e iniciar mobilizacións

Verín quedou sen pediatra para asistir aos partos no hospital comarcal da noite do domingo ao luns

Os sindicatos con representación no hospital comarcal veñen de convocar a unha asemblea xeral a todos os traballadores para expor as futuras medidas de presión ante o Sergas por o que consideran o "continuo desmantelamento de servizos que levaban anos disfrutando todos os usuarios da comarca". A alarma saltou de novo este domingo pola noite, cando o centro hospitalario quedou sen pediatra que poidera asistir a un posible parto entre as 22,00 horas e as 8,00 deste luns. 
Todas as forzas con representación sindical secundaron o peche no interior do hospital.
Unha das últimas mobilizacións do persoal foi o peche organizado polos sindicatos no interior do hospital.

Tal e como adiantou este xornal, volven a repetirse as carencias de personal sanitario e médico no hospital comarcal de Verín. Á falta do dermatólogo que viña desempeñando as funcións en substitución do titular con praza en Ourense, sumóuselle, na noite desde domingo ao luns, o servizo de obstetricia do centro hospitalario, que quedou sen pediatra ao non comparecer o facultivo que de garda debía de desprazarse dende Ourense, como o veñen facendo de xeito sistemático dende que o responsable da praza en Verín causou baixa por xubilación hai uns meses. 

Así o fixo saber a voceira do sindicato CIG no hospital, Rosa Eva Fernández, feito que tamén foi confirmado por varios traballadores de institución médica comarcal. "Nós xa o dixemos cando se tivo coñecemento de que o pediatra titular deixaba a praza por xubilación, que este tipo de circunstancias acabarían ocorrendo se non se reemplazaba cun novo facultativo o servizo de pediatría infantil", sinala Fernández.

A representante dos traballadores asegurou que "se tivesemos a mala sorte de que algunha das embarazadas se presentase de parto entre as dez de noite do domingo e as oito da mañá do luns, a muller tería que ser derivada a Ourense, co risco que iso suporía, de percorrer 70 kilómetros para ser atendida no CHUO", lamenta.

"ISTO É UN DESMANTELAMENTO PROGRESIVO DE SERVIZOS"

Rosa Eva Fernández vai máis alá na súa queixa: "Eu non digo que o hospital se vaia a pechar, pero o que si é evidente é que se están a perder servizos que antes se tiñan adquiridos, como o caso da dermatóloga, o do pediatra, ou mesmo o dos cirurxáns ou anestesistas, que de catro, ben por baixas ou por traslados, só quedan dous en cada unha das especialidades", sinala. 

Non pode ser que esteamos a volver á época de hai trinta anos, que sometiamos ás xentes de Verín e dos municipios limítrofes á peregrinación cara Ourense

XUNTANZA DE TODO O PERSOAL ESTE VENRES

Todos os traballadores dos diferentes servizos tanto sanitarios como administrativos, están convocados este venres, ás 14,20 horas, a unha asemblea xeral na que, por parte dos diferentes representantes dos sindicatos presentes no comité de empresa, se exporá a situación actual e se estudará a posibilidade de "comezar coa convocatoria de mobilizacións serias para darlle definitivamente unha solución ao problema do persoal facultativo no hospital; non pode ser que esteamos a volver á época de hai trinta anos, que sometiamos ás xentes de Verín e dos municipios limítrofes á peregrinación cara Ourense", afirma Rosa Eva Fernández

Verín quedou sen pediatra para asistir aos partos no hospital comarcal da noite do...