luns 17/01/22
Orientados á Operación Verán, Plan de Seguridade do Xacobeo e Prevención de Incedios

NOTICIAS VERÍN | A Garda Civil reforza o dispositivo de seguridade estival con 43 axentes en toda a provincia

González Afonso cos efectivos da Garda Civil e da GNR destinados ao dispositivo de reforzo da seguridade correspondente á Operación Verán, ao Plan do Xacobeo e á Prevención de Incendios.
González Afonso cos efectivos da Garda Civil e da GNR destinados ao dispositivo de reforzo da seguridade correspondente á Operación Verán, ao Plan do Xacobeo e á Prevención de Incendios.

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, visitou esta mañá unha parte do dispositivo de seguridade establecido pola Garda Civil na nosa provincia no marco da Operación Verán 2021, do Plan de Seguridade do Xacobeo e de Prevención de incendios forestais.

O subdelegado valorou moi positivamente o reforzo no cadro de persoal da Garda Civil realizado polo Ministerio do Interior durante a tempada estival con oito axentes do Escuadrón de Cabalería, seis destinados ao Servizo de Protección da Natureza -Seprona-; catro axentes para labores de investigación e 25 alumnos en prácticas, tres deles no cuartel de Verín.

Ademais, contarán co apoio, no momento en que sexa preciso, dun Módulo de Intervención Rápida do Grupo de Reserva e Seguridade e dun helicóptero. “Con estes dispositivos o Ministerio do Interior redobra os esforzos para previr a comisión de actos delituosos dos que poidan ser vítimas os cidadáns nacionais e estranxeiros nas súas estancias na provincia de Ourense”, sinalou González Afonso.

Durante a visita, o subdelegado do Goberno felicitou ao alumnado en prácticas polo seu ingreso na Garda Civil e trasladoulles a responsabilidade de traballar para que Ourense sexa unha provincia aínda máis segura.

No acto, celebrado no santuario dos Remedios, en Vilamaior (Verín), estivo acompañado por varios altos cargos da Garda Civil: o tenente coronel, xefe da Comandancia da Garda Civil en Ourense, Rafael López Pinel; o comandante José Benito Fernández Santamarina e o tenente Francisco Rodríguez Valle.

Os tres axentes en prácticas no Cuartel da Garda Civil de Verín. | FOTO: M. D.González Afonso cos tres axentes en prácticas do Cuartel da Garda Civil de Verín. | FOTO: M. D.

Escuadrón de Cabalería

Ante catro axentes do Escuadrón e mailos sendos cabalos, o subdelegado incidiu na importancia da prevención, vixilancia e investigación de incendios forestais que realiza este grupo de apoio. O Escuadrón de Cabalería da Garda Civil, que opera por toda a provincia, realiza patrullaxes preventivas polos montes, con especial atención a Verín, Celanova e A Rúa.

Tamén participa no Plan de Seguridade do Xacobeo 2021, dando protección e auxilio aos peregrinos no Camiño de Santiago. O Escuadrón de Cabalería da Garda Civil é unha unidade especializada que ten a súa sede central situada no Colexio de Guardias Jóvenes de Valdemoro (Madrid).

Catro axentes do Escuadrón de Cabalería da Garda Civil, que reforzan a protección na tempada estival na provincia. | FOTO: M. D.Catro dos oito axentes do Escuadrón de Cabalería da Garda Civil que reforzan a seguridade este verán na zona. | FOTO: M. D.

Colaboración da GNR

No breve acto tamén estiveron presentes efectivos da Garda Nacional Republicana, que reforzan este verán a cooperación policial internacional por toda a provincia. Así, seis axentes da GNR prestan servizos no Cuartel da Garda Civil de Verín durante o mes de xullo e serán relevados no mes de agosto por outros 6.

Para desenvolver a súa misión de protección dos turistas e peregrinos, organízanse, por quendas, en patrullas mixtas con axentes da Garda Civil. Emilio González agradeceu a súa colaboración e subliñou a importancia da súa presenza para os visitantes portugueses.

Plan de Seguridade Xacobeo 2021

Neste ano Xacobeo, a Garda Civil ampliou a seguridade no Camiño cun plan específico de seguridade. “En momentos coma este resulta máis importante aínda transmitirlle seguridade aos peregrinos, é un aspecto fundamental para a recuperación do Camiño e niso estamos traballando”, sinalou González Afonso.

O Plan de Seguridade establecido pola Garda Civil proporciona o núcleo fundamental da protección ao peregrino e do Camiño, dando prioridade á preservación da seguridade cidadá, a regulación do tráfico, a ordenación do territorio e a protección do patrimonio histórico-artístico e ambiental. Tamén a un reforzo da presenza nos territorios de baixa densidade demográfica.

A Garda Civil tamén intensifica a súa presenza de maneira virtual a través da app Alertcops. Unha vez descargada, o peregrino poderá contar coa opción "Gardián benemérito" coa que obterá asistencia en 7 idiomas diferentes.

NOTICIAS VERÍN | A Garda Civil reforza o dispositivo de seguridade estival con 43...
comentarios
Entrando na páxina solicitada Saltar publicidade