domingo. 19.07.2026
Será este martes día 2, ás 20:00 horas, no Auditorio verinense

A Gala da Igualdade regresa a Verín cunha edición que celebra a música, a igualdade e o talento local

Gala de Igualdade do pasado ano 2024.
Gala de Igualdade do pasado ano 2024.

O vindeiro martes 2 de decembro, ás 20:00 horas, o Auditorio Municipal de Verín acollerá unha nova edición da Gala da Igualdade, un evento que combina cultura, compromiso social e talento local para reivindicar os valores de xustiza, igualdade, inclusión e non discriminación.

A iniciativa, organizada polo Conservatorio Profesional de Música de Verín (CMUS), a súa ANPA e o Concello de Verín, estará dedicada este ano a Santa Icía, patroa da música e das persoas músicas.

O programa desta edición destaca pola súa diversidade e polo protagonismo da creación local. O alumnado do CMUS será o encargado de abrir a gala coa actuación “O meu primeiro concerto”, unha mostra do talento emerxente das novas xeracións de músicos e músicas da vila.

Un dos momentos máis significativos da velada será a inauguración da nova aula “Homenaxe a quen loita pola igualdade”, un espazo simbólico que recoñece o labor constante de persoas e colectivos comprometidos coa defensa dos dereitos e da igualdade real.

O público tamén poderá gozar das actuacións de KUARTETAS e do Grupo da Banda de Gaitas Nova Era, que completarán a parte musical dunha cita xa consolidada no calendario cultural de Verín.

Como é tradición, a gala pechará cun momento de convivencia entre asistentes e participantes: unha chocolatada final pensada para compartir e celebrar en comunidade os valores que inspiran este encontro anual.

A entrada será gratuíta ata completar aforo.

Dende o Concello de Verín anímase á veciñanza a participar nesta celebración que, a través da arte e da música, reivindica unha sociedade máis igualitaria e inclusiva.

A Gala da Igualdade regresa a Verín cunha edición que celebra a música, a igualdade e o...