viernes. 26.04.2024
Socialistas da comarca déronse cita ante o Concello de Verín para recibir a Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG.
Socialistas da comarca déronse cita ante o Concello de Verín para recibir a Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, visitou hoxe Verín para reunirse cos socialistas da comarca e abordar diferentes temas sobre a sanidade e a educación na vila. Un deles é a grave situación que atravesa a Atención Primaria verinesa, con longas esperas para obter unha cita. "Os usuarios tardan ata 25 días en ser atendidos e, por primeira vez, hai lista de espera para que te poida ver o teu médico de cabeceira", denunciou Formoso.

O que acontece en Verín considérao como o "paradigma do mal funcionamento da Primaria en Galicia" e acusou ó goberno da Xunta de permitir que "deixen de funcionar os servizos públicos". Isto exemplificouno cos cambios, hai pouco máis de dous meses, na xerencia de Atención Primaria e tamén coas dimisións de profesionais de Medicina Interna de todos os hospitais galegos. 

En Verín, coas longas listas de espera en Atención Primaria, as consultas presenciais estanse suplindo por vía telefónica, o que "dificulta o acceso ás persoas maiores que son as que especialmente a precisan". Sobre o hospital sinalou que é un centro "aberto por fóra e pechado por dentro pola decisión de Alfonso Rueda". O secretario xeral do PSdeG fixo fincapé no "baleirado de especialidades" que exemplifica no que se está a converter o hospital.

O Hospital de Verín está aberto por fóra e pechado por dentro pola decisión de Alfonso Rueda (Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG)

Formoso recalcou que todas estas situacións hai que revertilas e destacou que a Xunta contará con "mil millóns de euros máis nos orzamentos do vindeiro ano, con 450 millóns aportados polo Goberno de España, para reforzar o sistema de saúde galego"

Outra das cuestións que tratou na súa visita a Verín foi a recente dimisión da dirección e subdirección xeral de Formación Profesional, un mes despois do comezo do curso. Formoso lamenta estes acontecementos agora, cando se está "impulsando a lei de FP e o Estado mobilizará unha dotación histórica para a implantación da FP Dual". Ante todo isto, o socialista asegurou que "non se pode apostar por un lado por reducir a despoboación no interior de Galicia e por outra prescindir das oportunidades dos servizos públicos que demanda a cidadanía para que a veciñanza do interior teña os mesmos dereitos ca da periferia".

Nesta visita a Verín tamén aproveitou para firmar no libro de honra do Concello e fíxoo acompañado do alcalde, Gerardo Seoane. Despois dunha comida cos membros do partido na comarca, visitou algunhas das obras feitas no polígono empresarial.

Formoso firmou no libro de honra do Concello de Verín ante o alcalde, Gerardo Seoane.
Formoso firmou no libro de honra do Concello de Verín ante o alcalde, Gerardo Seoane.

Formoso denuncia as listas de espera "de ata 25 días" na Atención Primaria de Verín