martes. 23.04.2024
Emilia Somoza, visiblemente emocionada, recibe a homenaxe da man de Jorge Godás, Xosé Lois Santiago Pello e Carlos Montero. | FOTO: Xosé Lois Colmenero
Emilia Somoza, visiblemente emocionada, recibe a homenaxe da man de Jorge Godás, Xosé Lois Santiago Pello e Carlos Montero. | FOTO: Xosé Lois Colmenero

Momentos antes do inicio respirábase no ambiente a sensación de que a gala de clausura do FIC Vía XIV agochaba moitas sorpresas pero, o que non agardabamos, é que a primeira chegara nos segundos iniciais. Acendéronse os focos e comezou a soar a música en directo do grupo vigués Broken Peach, que meteu no peto ao público no primeiro compás e que continuou entregado durante todo o acto. 

Coa aparición estelar da actriz Arantxa Treus como presentadora, quen puxo o toque de humor e simpatía, comezaba a sucesión da gala, que non ía deixar a ninguén indiferente, e á que, por certo, non acudiu ningún dos premiados de maneira presencial por primeira vez na historia deste Festival de Curtas.

Despois dunha pequena e divertida introdución, tomou a palabra o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, quen quixo destacar "a resiliencia deste festival, que mantivo durante estes dous últimos anos a súa actividade a trancas e barrancas, pero conseguiu unha gran labor: Non deixar morrer a cultura, que agora imos continuar coas xornadas de novela histórica e unha festa da cervexa". Non quixo rematar a súa intervención sen recordarlle á organización que "como colaborador principal deste festival, poden seguir contando con nós".

A noite foi de curtas... E de mulleres. O que non agardaba unha delas, membro do xurado, era ser a protagonista dun dos momentos máis emotivos da noite. A xornalista verinesa, Nora Sola, leva participando neste festival dende a súa primeira edición e foi a súa filla, a actriz Ledicia Sola, quen, por sorpresa, lle deu unha sentida homenaxe. Coa voz entrecortada, cunha mestura de nervios e ilusión, "quero destacar a personalidade todoterreo da muller máis importante da miña vida, a miña nai", dicía, mentres a homenaxeada chegaba ao escenario para fundírense despois nun tenro e agarimoso abrazo.

"Unha muller especial", así titulou a organización outra das homenaxes da noite, desta volta, á concelleira de Cultura e coordinadora xeral do FIC; Emilia Somoza. "Porque non sabe facer nada sen darlle amor á xente que a rodeamos e á cultura", continuaba Diego Lourenzo, tenente de alcalde e encargado da presentación. Visiblemente emocionada, Somoza chegou ao escenario. "Non merezo isto porque a que gaña son eu estando ao voso lado e ao da cultura. Antes, estiven do outro lado e vin como as portas non se abrían. Síntome afortunada porque agora teño as chaves na man", susurraba case sen poder articular palabra.

Repetiu recoñecemento o actor, cómico e comunicador ourensán Sergio Pazos, que se converteu no home da noite. Coa súa espontaneidade e ritmo, bailando as cancións do grupo musical e con algunha que outra broma, conquistou aos presentes ao igual que o fixera a noite anterior. Recolleu, da man dun empresario verinés, un moi especial regalo: unha máscara de cigarrón. "Vouna poñer, aínda que eu son de Xinzo", engadía, mentres ría e se movía como un auténtico representante do noso Entroido. Gañaba así un agarimoso aplauso do público.

Foi Carlos Montero, director do FIC Vía XIV, quen, case chegando á despedida, tomou a palabra para salientar a gran labor cultural deste festival xa moi consolidado. "Nestes tempos difíciles é máis importante manterse que crecer, e penso que o logramos, internacionalizamos este festival e colocamos a Verín no mapa da cultura", incidía. Remataba ao berro de "longa vida" que suscribiron todos os alí presentes, mentres, tal e como lle confirmou a este medio, xa ten en mente unha séptima edición.

 

Os premiados

Despois dunha semana de proxeccións e actividades paralelas que refozaron a función enriquecedora da cultura deste festival, por fin se coñeceron os gañadores desta edición, todos, entregados de maneira simbólica ante a ausencia dos galardoados. Así, a curta francesa “A propósito de Lanzarote en general”, de Vincent Trincon, gañou na categoría Outra Mirada. Xunto a isto, “Aniksha”, de Vincent Toi (Canadá) resultou gañadora en Horizontes e “Reality” do lucense David Fidalgo fíxoo en A Raia.

A mellor curta na categoría Nova foi para “Forastera” da española Lucía Aleñar e o Premio Especial do Público recoñeceu o traballo con selo estadounidense “The Letter Room” de Elvira Lind. Finalmente, o Premio Numax á distribución, que permitirá aos filmes premiados ser exhibidos nesta sala compostelá, foi ex aequo para a cinta mexicana "Al motociclista no le cabe la felicidad en el traje", de Gabriel Arrera, e para "Elo", unha coprodución franco-portuguesa de Alexandra Ramires.

NOTICIAS VERÍN | O FIC Vía XIV viste de gala a Verín na noite da súa despedida