O Concello de Verín vén de abrir o prazo de presentación de solicitudes para participar como expositor ou expositora na Feira do Lázaro 2026, que se celebrará os días 20, 21 e 22 de marzo no Pavillón de Deportes de Verín, consolidada xa como unha das citas de referencia na comarca para a artesanía, a alimentación e o comercio de proximidade.
O horario de apertura ao público será o venres 20 de marzo de 16.30 a 21.00 horas, o sábado 21 de 11.00 a 14.30 e de 16.30 a 21.00 horas, e o domingo 22 de 11.00 a 14.30 e de 16.30 a 20.00 horas.
A convocatoria contempla varias modalidades de participación. No ámbito da artesanía, poderán inscribirse mestres e mestras artesás, así como persoas físicas ou xurídicas que cumpran coa normativa vixente. Para alimentación, esíxese carné de manipulador, alta no IAE e na Seguridade Social, obrigas tributarias ao día e seguro de responsabilidade civil, entre outros requisitos. No apartado de comercio de proximidade, tamén será necesario contar coas altas correspondentes e coas obrigas actualizadas. Ademais, organismos sen ánimo de lucro e centros educativos poderán presentar propostas, que serán valoradas pola organización.
O prezo do aluguer establécese en 90 euros polos tres días para cada stand de 9 metros cadrados (3x3). De maneira opcional, ofrécese aluguer de mobiliario, cun custo de 80 euros por mostrador e 75 euros por estante con andeis.
O prazo de presentación de solicitudes remata o 24 de febreiro de 2026, aínda que poderá ampliarse ata cubrir todos os espazos dispoñibles. A tramitación realizarase preferentemente por vía electrónica mediante formulario normalizado na Sede Electrónica municipal, empregando sistemas de identificación e sinatura admitidos como Chave365, DNIe ou certificado dixital. De forma excepcional, as persoas non obrigadas á relación electrónica poderán presentar a documentación no Rexistro físico do Concello.
A selección efectuarase por orde de entrada das solicitudes completas, priorizando o desenvolvemento económico local e procurando variedade e orixinalidade nas propostas. Tamén se creará unha lista de reserva para as inscricións admitidas que non dispoñan de espazo. A participación quedará confirmada tras a notificación de aceptación provisional e o pagamento no prazo de tres días naturais.
