
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, vén de anunciar que o centro de día de Verín non poderá abrir as súas portas ata o mes de setembro. Así o fixo público logo do consello do Goberno autonómico, só dúas semanas despois de que a consellería de Sanidade engadise, no punto número sete do plan de reactivación do sector sociosanitario, un apartado específico para regular a reapertura dos centros de día na comunidade.
Raiola tiña anunciada a súa volta á normalidade o vindeiro día 1 de xuño, toda vez que, dende a Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, se ditasen as instruccións precisas para que as instalacións de atención diurna para maiores, tanto dependentes da Xunta de Galicia, como de titularidade municipal (o caso do centro de día de Verín), volvesen á súa actividade.
Agora, logo do consello da Xunta e tras modificar o plan de reactivación que o propio Sergas enviara xa aos centros residenciais e de día da comunidade autónoma, anuncia que ata o mes de setembro non se retomará a actividade.
A directora de Raiola, Chelo Ferreiro, manifestou estar "totalmente abraiada por este xiro dado de súpeto e despois de que dende o propio Sergas se fixera público un plan de reactivación que permitía a reapertura dos centros de día. De feito, xa se mantiveran contactos coas familias e se tomaron todas as medidas que o propio Sergas indicaba para que o centro de día poidese recuperar a súa actividade".
Mesmas vacilacións que o Goberno central
Alberto Núñez Feijóo, logo das últimas conferencias de presidentes autonómicos co presidente do Goberno Pedro Sánchez, de xeito reiterado criticou abertamente as vacilacións que nos diferentes ámbitos tiña o Executivo central canto ditaba instruccións para as diferentes fases da desescalada. Mesmo chegou a dicir que non era "de recibo que un venres se anunciasen as medidas que se ían a tomar o luns seguinte, sin tempo material para adaptarnos ás novas condicións". Pois ben, as súas consellerías de Sanidade e Política Social veñen de ser un claro exemplo do que criticaba do Goberno de coalición estatal. Logo de que a primeira aprobase e fixese público un plan de reactivación do sector sociosanitario no que se incluían os centros de día, vén de modificalo e prohibir a súa apertura polo de agora.