Venres. 29.03.2024
PHOTO-2021-05-12-15-04-47 (1)
Algúns dos postos da feira de Chaves. | FOTO: Iván Iglesias

Como cada mércores, situámonos na rúa Hérois de Chaves con avenida do Estádio a ritmo de fado e, a primeira vista, xa se apreciaba a falta dalgún dos postos habituais. Unha tónica propia da era Covid-19. Pero, a de hoxe, non era unha feira calquera, era a primeira celebrada tras o fin do estado de alarma en España o pasado domingo día 9, algo que esperanzaba aos comerciantes lusos.

Agardabamos ver máis amigos españois, xa temos ganas de que veñan e de ir nós tamén. Creo que pouco a pouco imos mellorar e conseguir volver de novo a normalidade de antes da Covid-19 (José, comerciante de Chaves)

Unha normalidade que se caracterizaba por unha grande afluencia, tanto dos residentes de Chaves e arredores, como da veciña comarca de Verín. “Hoxe tiven unha clienta española que viña de Alicante. Ten familia en Verín e é a primeira vez que vén despois dun ano, engade José. “É a primeira vez que vimos a Chaves. Somos de Santiago de Compostela, e viñemos pasar o día. A verdade é que esperabamos atopar máis xente e tamén máis cousas para mercar”, afirma Inés, outra clienta española.

PHOTO-2021-05-12-15-04-48Inés e o seu marido visitaron Chaves por primeira vez. | FOTO: Iván Iglesias

Continuamos coa ruta. Mesma impresión no Mercado Municipal de Chaves, onde algúns dos expositores nos que normalmente vemos froita e vexetais, estaban baleiros. Tampouco había colas como noutras ocasións. “Si que notamos que había algún español, pero nada que ver cos que viñan antes da pandemia. A maioría viñeron mercar cereixas e prantas”, conta Francisco, un comerciante veterano, no seu posto de hortalizas e verduras.

Viñemos dar un paseo dende O Carballiño, de onde somos, e aproveitei para mercar unhas flores. Acabamos de chegar pero sorprendeunos que houbera tan pouca xente (María, clienta española en Chaves)

PHOTO-2021-05-12-15-04-47Un dos postos do Mercado Municipal de Chaves, hoxe. | FOTO: Iván Iglesias

Parece que nin o levantamento do estado de alarma nin o ceo azul e soleado que lucía hoxe en Chaves, invitaron a percorrer esas rúas que noutras ocasións estiveron ateigadas.

NOTICIAS VERÍN | Escasa presenza española na primeira feira de Chaves despois do estado...