viernes. 26.04.2024
entroido verín 2023 logo
Emblema identificativo da celebración do Entroido de Verín este ano.

Unha das novidades neste Entroido é a posta en marcha dunha aplicación para dispositivos móbiles do Entroido de Verín. Xa dispoñible a súa descarga, o lanzamento da app está dispoñible para dispositivos Apple e Android e facilita toda a información relativa ós festexos programados este ano dunha forma intuitiva e dinámica. E non só un listado coa programación e os horarios dos eventos, a aplicación facilita a localización por GPS de todas as charangas e desfiles en tempo real.

A aplicación recolle todo tipo de información de interese, incluída a relativa ás normas de seguridade do Plan de Autoprotección. Ademais, permite coñecer a historia do Entroido ou visitar unha exposición virtual de carteis do Entroido de Verín e visionar distintas galerías fotográficas. Tamén inclúe un completo mapa referenciando puntos de interese como restaurantes, hoteis e zonas de aparcamento libre.

Por outra banda, ista mesma mañá abrirá ó público a tenda oficial do Entroido de Verín que, como cada ano, está ubicada na Praza García Barbón. O local de referencia para o merchandising do Entroido de Verín 2023 pón á venda unha colección de mercadorías co emblema diste ano, ben acaído, "É o momento". A iniciativa ten como obxectivo a recadación de fondos para o financiamento dos festexos.

Permanecerá aberta dende hoxe ata finalizar o Entroido en horario de mañá e tarde: de 12h. a 14 horas e de 17h. a 21 horas. Unha oportunidade para que veciños e visitantes colaboren no financiamento do Entroido ó tempo que amplían a colección de pezas cos distintos emblemas identificativos do Entroido de Verín que se fan cada ano. Sudadeiras, camisetas, bolsas, panos, bragas, cuncas, imáns, pins e chapas son as pezas que iste ano se poderán mercar na tenda oficial.

ENTROIDO 2023 | Que temos hoxe no Entroido? O Concello de Verín crea unha aplicación...