Venres. 29.03.2024
reunión seguridade entroido 2023
A reunión de coordinación celebrouse nas instalacións da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Verín. | FOTO: Concello de Verín.

Como viña sendo habitual dende o ano 2013, o Concello de Verín vén de celebrar a reunión de coordinación entre os equipos de emerxencias para elaborar o Plan de Autoprotección do Entroido co obxectivo de organizar os medios que participarán no evento e de garantir as medidas necesarias en materia de seguridade. A necesidade de pór en marcha un dispositivo de seguridade no Entroido de Verín nace por mor da multitudinaria asistencia en cada un dos festexos, co fin de que tanto a veciñanza como os visitantes poidan gozar do Entroido sen risco para a súa saúde e integridade física.

Diste xeito, volverá haber un posto sanitario medicalizado, ubicado na rúa Lisa. Por outra banda, o plan reflicte a coordinación necesaria entre os diferentes equipos de emerxencia e todos os protocolos de actuación a seguir para garantir a seguridade do público e dos profesionais que traballan nas diferentes actividades do Entroido de Verín. Como cada ano, existirán carteis con información explícita sobre as vías de evacuación que se deberán utilizar en caso dunha gran emerxencia e con consellos de seguridade. Toda a información estará dispoñible na App do Entroido de Verín

Este ano, o dispositivo de seguridade segue a mesma liña que en anteriores edicións, logo de comprobarse a súa efectividade. Se ben, reforzánse os equipos dos grupos de emerxencias que colaborarán. Ademais da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Verín, tamén participarán voluntarios e voluntarias chegados dende A Gudiña, A Coruña e Ferrol. Todos eles velarán pola seguridade de todas as persoas que participen nos festexos do Entroido. Xunto a eles, haberá efectivos da Policía Local de Verín, da Garda Civil, tanto de Seguridade CIdadá coma de Tráfico, técnicos da Axencia Galega de Emerxencias e da empresa Ambulancias Sil.  

Dispositivos e información de seguridade durante o Entroido

Xa o Domingo de Corredoiro comezará o dispositivo de seguridade, dada a gran cantidade de xente que se espera niste día. Dende as 10:30h comezarán os cortes de tráfico na N-525 por mor do desfile dos Cigarróns. O tráfico rodado estará cortado na Avenida de Castela ata o cruce coa rúa Lisa. Na praza García Barbón haberá equipos de voluntarios de Protección Civil de Verín ó longo da xornada. 

Durante o Desfile Infantil, na mañá do xoves de Comadres, o tráfico rodado do centro da vila estará regulado co obxectivo de evitar que vehículos de grandes dimensións e/ou de mercadorías perigosas queden atrapados no transcurso do desfile e de garantir o acceso aos diferentes grupos de emerxencia no caso de ser necesaria a súa intervención. Contarase con voluntarios de Protección Civil e unha ambulancia.

A noite de Comadres contará con preto de 45 efectivos entre Policía Local de Verín, Garda Civil, Garda Civil de Tráfico e voluntarios de Protección Civil de Verín, Protección Civil de A Gudiña, Protección Civil de A Coruña e Protección Civil Ferrol. Devanditos equipos estarán coordinados dende o Posto de Mando Avanzado da Axencia Galega de Emerxencias que estará situado na praza García Barbón e que conta cun equipo de videograbación de seguridade. Haberá un posto sanitario medicalizado, situado na rúa Lisa con gran capacidade e con dúas ambulancias.

Durante o Venres de Compadreo, cada vez con maior participación de público, varios efectivos da Policía Local e voluntarios e voluntarias de Protección Civil acompañarán ós centos de persoas que percorrerán as rúas da vila xunto cos carros do compadreo. Tamén se contará cunha ambulancia por se fose necesaria. O Sábado de Entroido haberá diversos efectivos de seguridade e voluntarios de Protección Civil na Praza, ademais do posto sanitario na rúa Lisa e unha ambulancia.

En canto ós Desfiles do Domingo e do Martes de Entroido, o dispositivo é similar a anos anteriores. O horario de corte de tráfico rodado nas Avenidas Luís Espada e Castela será: o domingo a partir das 11:00 horas e o martes a partir das 16:00 horas. Ambos desfiles contarán co servizo de ambulancia por se fora necesario e coa presenza dos voluntarios e voluntarias de Protección Civil. 

ENTROIDO 2023 | O Concello de Verín reforza os equipos de emerxencias e seguridade...