domingo. 19.07.2026
O músico chega coas Adufeiras de salitre este sábado a Verín

ENTREVISTA | Xabier Díaz: "Foron as mulleres as que vertebraron a música tradicional no noso país"

As once mulleres que acompañan a Xavier Díaz son as Adufeiras de Salitre.
As 11 mulleres que acompañan a Xabier Díaz son as Adufeiras de salitre.

Ía para arquitecto e rematou entre máis pandeiretas que gaitas, aínda que comezou por esta última alá polos oitenta cando o seu avó materno lle mercou a primeira. Con ela transitou por Xacarandaina, Rumbadeira e polo mítico grupo Berrogüetto -entre 2008 e 2014-. Tamén por todo o país, na súa ampla, recoñecida -e da que se sinte moi orgulloso- faceta de folclorista. 

Andou polo Riós ou a Gudiña, na procura de melodías inspirativas, pero nunca pisara Verín. A menos que el lembre. Estará presentando o seu último traballo, o cuarto, coas xa inseparables Adufeiras, que o están "axudando a sentir" e a facer sentir, "porque ese é o noso propósito, subir ao escenario e facer que o público sinta e participe como se dunha foliada de aldea máis se tratase", di Xabier Díaz. Chega este sábado 21 de decembro ás 20:30 horas ao auditorio verinense


Catro concertos e a rematar este ano de presentación de novo traballo. Cando é máis tolemia? Antes ou despois de ter o disco na rúa?

A min resúltame moito intenso o periodo previo á súa saída ao mercado. Logo viñeron os dos primeiros meses do ano, xaneiro e febreiro, nos que preparamos os concertos e, a partir de aí, é todo máis fácil. Todo o mundo sabe o que ten que facer e só se trata de ir engrasando toda a banda. 

É a primeira vez que aparece un tema en castelán?

Non, non é a primeira vez. Cando fixen os traballos de campo, cando facía recollidas, sempre traspasabamos fronteiras. O groso do repertorio está en galego pero, si, algunha pincelada hai porque é normal pola proximidade. 

Os temas deste novo traballo teñen a súa base nas recollidas ou xa só serveron estas de inspiración?

Eu penso que só de inspiración. É certo que a miña música foi evolucionando e desprendéndose desa relación tan directa da propia gravación das recollidas e agora podería dicir que estou nesa etapa na que son pequenos motivos os que inspiran un tema, de feito hai textos que son propios, foi unha evolución no meu caso moi natural. Pasamos desa relación máis íntima con materiais primixéneos das propias recollidas e pouco a pouco fomos avanzando cara unha perspectiva moito máis libre, creativa, autoral. 

Hai algún tema deste disco que non beba da música popular?

Pois, ata creo que non. Todos levan unha pinga, unha pinga pequena. Se agora me preguntas, non sabería dicir cales son as orixes de cada un deles. Pouco a pouco todo o recollido se foi convertindo nunha sorte de nebulosa que me acompaña como o aire que respiro pero sen saber ben a procedencia. 

Como e cando emprende Xabier Díaz ese aparente camiño á inversa de pasar da gaita á pandeireta?

Nese sentido, probablemente sexa unha rara avis, pero foi coma unha especie de frechazo. A un tipo coma min que me gusta cantar, a pandeireta abríame outros camiños, permitíame expresar dun xeito diferente, poida que máis integral, non tan estritamente melódico. 

Tamén percibín no seu día que había moita xente con algún grao de especialización e excelencia moi importante tocando a gaita pero non tanto na pandeireta, non vía a xente que se adicase máis profesionalmente ao estudo deste instrumento. 

O músico coruñés Xavier Díaz é un namorado da pandeireta.
O músico coruñés Xabier Díaz é un namorado da pandeireta.

Se a pandeireta a tocasen os homes dende o inicio, cre que estaría como estivo?

Probablemente, estou case ao cen por cen dacordo con esa reflexión. Non en todas as aldeas había un gaiteiro, pero si en todas elas había un par de señoras que tocaban unha tixola e unha pandeireta, ou unha lata de pimentón e unhas pandeiretas, e che montaban un baile. 

Foi un pouco tamén esa a súa intención ao comezo, de ir un pouco ao correr dos tempos dunha maior presenza da muller nos estudos de gravación de música tradicional?

As mulleres, é certo, vertebraron a música tradicional no noso país, xa sexa cuantitativamente como tamén na súa faceta de posuidoras e transportadoras da lírica popular. Dende o principio considerei absolutamente necesario reivindicar o papel central das mulleres na música tradicional... E mira a onde chegamos, a un lugar onde saen tres mozas novas e meten a oito mil persoas nun concerto! Quen nos diría que chegariamos a este lugar tan marabilloso!
 

Aínda queda moito por rescatar da pandeireta?

Eu creo que a nivel de implantación vai por moi bo camiño. En canto aos graos de especialización, tecnificación, ou búsqueda da excelencia co propio instrumento... Aínda nos queda moito camiño por transitar. O mellor que podemos facer pola pandeireta é adicarlle horas, mellorar a nosa técnica tocando para que o instrumento medre en prestixio. A nivel académico está igual que hai 200 anos; pola contra, a gaita, non. 

As pandereteiras de agora non poderían cantar o que se cantaba hai 50 anos. Vostede tamén aplicou ese filtro?

Dende os meus comenzos, cando aínda a música tradicional tiña unha presenza máis destacada, non houbo nunca espazo para coplas que alentasen a misoxinia, nin o machismo, nin tan siquera coplas porcas por simpáticas que fosen. Foi unha escolla persoal, respeto todas as opcións, non aprobo algunhas, porque non creo que teñan sitio na sociedade actual pero, si, foi unha elección. 

Que ou quen nos ten que axudar a sentir?

Témonos que nos axudar todos, entre nós. Todos os que estamos na música estamos convidando a sentir aos demais, pero nós tamén o precisamos, é unha necesidade vital para nós. Moitas veces escoitarás dicir, 'bueno, non foi un concerto tecnicamente perfecto pero houbo unha enerxía, unha conexión'... A iso me refiro, a que o público nos axude a nós a sentir tamén. 

Como está a saúde da música tradicional, logo do impulso que lle deron as Tanxugueiras?

O que houbo foi un importante fenómeno de retroalimentación, entre os que estabamos e os novos, toda esta nova fornada. Hai moita xente nova que se está enganchando. Pero tamén creo que é moi necesario a afluencia dun público moi familiar, moi transversal na súa idade. Creo que hai sitio para todos, de feito nós temos un público moi familiar. Fomos derivando a horarios máis familiares, que nos funciona moi ben. A música folk non ten que ser só para a noite. 

Por que tivemos que agardar tanto para esa eclosión da música tradicional?

Houbo pioneiras, Mercedes Peón, por exemplo, houbo uns cantos que tiveron fe nesa idea. Pero ben é certo que ese bum chegou hai uns dez anos, que foi cando eu cheguei con esta nova formación. Fun consciente dende o principio de que había esa necesidade, eu notábao. Aquí hai algo latente que non acaba de estoupar, pensaba. E estoupou por varias razóns, ao meu xuízo. Unha, por ese tránsito da música escoitable, a unha na que participará o público. Dende un principio tiven a certeza de que así tiña que ser e que ese xiro era obrigado, porque a música tradicional sempre foi unha música colectiva, participativa. 

Supoño que con esa idea chega a Verín este sábado.
Nin máis nin menos. Agardo que ese concerto sexa unha sorte de celebración colectiva, de festa de fin de ano.



 

ENTREVISTA | Xabier Díaz: "Foron as mulleres as que vertebraron a música tradicional no...