miércoles. 01.05.2024
MITIN BNG 23j-23
Noa Presas encabeza a lista do BNG de Ourense para o Congreso. | FOTO: Anabel G. Simón.

O BNG de Ourense aposta nestas eleccións xerais por Noa Presas, quen encabeza a súa lista para o Congreso. Filóloga e profesora, a deputada no Parlamento de Galicia preséntase a estes comicios para levar as reclamacións e necesidades dos ourensáns ata Madrid, buscándolles unha solución.

Que motivou que vostede encabezase a lista do BNG por Ourense nestas eleccións xerais?

No BNG facemos unha lectura de que estamos nun contexto moi importante para o noso país. A partir do 23 de xullo vanse tomar moitas decisións que afectan a Galiza e, especialmente, a Ourense. A nosa aposta, nun momento no que entendemos que o BNG está á alza e medrando en apoios, foi escoller a alguén con experiencia no Parlamento de Galicia e coñecida, para demostrarlle á veciñanza que imos a por todas. Podemos facer historia tendo o primeiro escano nacionalista da provincia. Eu estou moi agradecida pola confianza e estamos a facer unha intensa campaña para romper co guión imposto polas forzas estatais, nas que parece que só se escolle ao presidente, pero nós recalcamos que se elixen aos representantes do noso territorio e é importante, para o futuro, que os galegos e galegas teñamos un grupo forte do BNG, coas mans libres para poder negociar.

É importante, para o futuro, que os galegos e galegas teñamos un grupo forte do BNG, coas mans libres para poder negociar

Que destacaría da candidatura por Ourense?

Creo que presentamos unha candidatura moi ampla, na que hai representación de todas as comarcas de Ourense. Tamén temos xente de todos os sectores sociais, desde profesionais independentes como avogados, persoas do feminismo, xente experta no ámbito rural, do ámbito da sanidade pública... Representan á pluralidade da sociedade e do territorio.

Vostede compartiu anos no Parlamento de Galicia con Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta. Esperaba o tipo de campaña que está levando a cabo?

Desde Galiza non sorprenden as campañas baseadas nas mentiras e no descoñecemento da realidade. Ao Partido Popular o único que lle importa é gobernar a calquera prezo e sabemos que, aínda que venda a súa carta de ourensán, ao día seguinte de ser escollido vaise esquecer de Ourense, como fan habitualmente os representantes das forzas estatais -PP e PSOE-. Por iso, no BNG cremos que é hora de cambiar de guión. Para que Ourense deixe de perder e por fin gañe, hai que apostar por unha forza como o BNG, que ten as mans libres para defender os seus intereses. Eu, a partir do 23 de xullo cando esté no Congreso, o que me vai guiar á hora de apoiar unha cuestión ou outra é que favoreza a Ourense e ás maiorías sociais.

Os pactos de PP-VOX nas comunidades autónomas están mobilizando aínda máis á esquerda para estas eleccións. De que xeito pode influír o voto para o BNG?

En Ourense, as enquisas indican que a tendencia repítese, como xa pasou nas eleccións galegas. Estamos disputando o último escano co Partido Popular, polo tanto, o voto útil das persoas que están preocupadas pola nosa provincia, polo machismo ou polos retrocesos sociais, é concertalo no BNG de Ourense. Temos un voto que vale dobre, defender Ourense e garantir o freo á dereita. Apostamos polos avances sociais e así o demostramos nestes últimos catro anos. O escano de Néstor Rego impediu que VOX conseguise representación por Galiza e, a cambio de compromisos co noso territorio, investimos a Pedro Sánchez como presidente. Hoxe temos en obras a vía do tren entre Ourense e Lugo por ese acordo, pero nós queremos máis. Para iso precisamos máis representación. Sen un BNG forte, as forzas estatais non cumpren.

Ao Partido Popular o único que lle importa é gobernar a calquera prezo e sabemos que, aínda que Feijóo venda a súa carta de ourensán, ao día seguinte de ser escollido vaise esquecer de Ourense

Cales son as expectativas, despois dos bos resultados colleitados tanto nas eleccións autonómicas como municipais?

Nos últimos anos superamos todas as enquisas. Cos votos que conseguimos nas galegas e nas municipais, teríamos representación no Congreso. Por iso, pídolle á xente que confiou unha vez en nós, que o volva facer e, a que non o fixo, que nos dea unha oportunidade. Hai grandes debates para este ano mesmo, como cales van ser os criterios para o reparto das axudas da Política Agraria Común, que son cousas que nos afectan moito a todos e á Limia en concreto. O que está claro é que, para protexer os intereses do sector agrodandeiro e desbloquear cuestións como as dos regadíos, necesitamos unha forza que obedeza a Ourense e a Galiza. Os demais só van atender aos territorios con maior poboación e isto xa o temos visto, por exemplo, no tema dos regadíos. O 80% das axudas van para os cultivos intensivos do Levante, cando aquí temos moitas necesidades ante o contexto do cambio climático e da seca. É o momento para Ourense, para que o BNG dea un salto e iso será bo para o conxunto das comarcas ourensás.

Que valoración fai destes catro anos do deputado Néstor Rego, único representante do BNG no Congreso?

Moi positivo. Un só deputado do BNG conseguiu situar Galiza no debate. Non houbo nin un problema de Ourense que non estivese presente, desde a seguridade da A-52 ata a ofensiva da gran eólica que debe ordearse para impedir cuestións como que en Baltar, unha zona que debe estar protexida pola proximidade ao Xurés e pola práctica do parapente, teña esa ameaza, ata outros temas máis básicos como conseguir o compromiso do Goberno para que as axudas da PAC se poidan tramitar presencialmente. Querían obrigar a que só fose telemático e o BNG logrou garantir que tamén sexa presencial, algo que beneficiará a centos de persoas que traballan no sector agrogandeiro. Logo hai temas pendentes como que se incrementen as pensións mínimas, que en Ourense temos as máis baixas do Estado, e precisamos máis forza para facernos valer.

Debemos prepararnos para o cambio climático e como afectará aos cultivos, apostando pola investigación e polo Campus de Ourense

Que propostas levan para Ourense?

Hai cuestións pendentes que se deben resolver. Temos que conseguir un trato xusto na PAC, por exemplo co cumprimento da Lei de cadea alimentaria para que os nosos agrogandeiros non teñan que vender por debaixo dos custos de produción, tamén debemos prepararnos para o cambio climático e como afecta aos cultivos. Na Limia, neste últimos dous meses houbo máis chuvia do habitual e iso estalle afectado. Hai que prever como nos podemos preparar, apostando pola investigación e polo Campus de Ourense. Cumpriremos con outras cuestións pendentes, están os Fondos Next Generation cos que se debe ter unha discriminación positiva e facer realidade ideas como a conexión con Portugal ou que todo o territorio ourensán dispoña de acceso a Internet e telefonía móbil propios deste século. Non se pode seguir perdendo o tempo. Non pedimos privilexios, só que se cumpra co noso país.

ENTREVISTA | Noa Presas: "Temos que conseguir un trato xusto na Política Agraria Común...