jueves. 25.04.2024
Óscar Núnhez, secretario Unión Local CIG Verín A Limia.
Óscar Núnhez, secretario Unión Local CIG Verín A Limia.

Óscar Núnhez (O Carballiño, 1979) foi elixido o pasado sábado día 12 novo secretario comarcal da Unión Local da CIG Verín A Limia. Recolle o testemuño de Luís Ferreiro. A enfermidade deste, primeiro, e as restricións pola pandemia, despois, fixeron que entre a sexta asemblea (2013) e a sétima pasasen case nove anos. Núnhez, que foi empregado na hostalaría, leva 20 anos afiliado ao sindicato maioritario nestas comarcas e 12 traballando no propio sindicato.

A entrevista realizouse este martes, o mesmo día que un operario falecía no traballo en Verín. Como está a sinistralidade laboral nestas comarcas?
Nos últimos anos houbo seis mortes e seis persoas que quedaron incapacitadas, ademais doutros 13 accidentes graves. A maioría, nas obras do AVE, que nos fartamos de denunciar que tiñan unhas medidas de seguridade nefastas. Esas son as cifras. 

Cantas afiliadas ten a CIG e cal é a distancia cos outros sindicatos?
Temos 2.079 rexistradas entre Verín e A Limia. A distancia? Non a sei. Os outros sindicatos non fan públicas as súas cifras.

Como está o emprego nas comarcas de Verín e A Limia?
Cada vez vai a peor. Imos crise tras crise, detrás da crise de saúde agora vén a crise económica. Hai moitos traballadores en ERTE. O día 28 desaparecen os ERTE. Que vai pasar? Veremos... O que sabemos é que aquí non se está a recuperar emprego; por moito que os datos estatais digan que a nivel estatal se recupera, aquí, non. É un engano. 

Até que punto preocupa o remate dos ERTE?
Houbo moitas empresas que quedaron moi danadas pola crise da covid. En todos os sectores, e non sabemos se van ter viabilidade no inmediato. Na comarca de Verín temos a Roberto Verino, unhas das empresas máis grandes que nos quedan, en ERTE. As pequenas foron sacando traballadores do paro segundo necesitaban. Non sabemos que vai pasar con eles agora.

Houbo moitos despedimentos durante a covid?
Aquí en Verín tivemos os casos de Textiles Celestina, a última cadea de costura que quedaba daquel tecido enorme que houbo, que pechou e quedaron sen emprego 60 persoas. Outras 60 nunha empresa de almacéns e supermercados. En Construcións Carrajo, 50. Foi continuado. E non hai tecido industrial para recoller esa xente. 

Que perfil de traballadoras e traballadores está no desemprego?
Pois nestes casos que comentei, xente de máis de 45 anos que terá dificultades para volver a traballar porque non hai traballo. Temos moitisima xente parada de longa duración. Vai chegar un momento no que queden sen axudas nin prestacións. 

Na comarca da Limia a situación é semellante?
A Limia ten unha vantaxe nestes momentos: o campo. Hai xente saíndo de empresas, como en Verín, pero teñen a posibilidade de se incorporar á agricultura. É unha oportunidade interesante para o emprego que debería ser potenciada e apoiada desde todos os concellos e todas as Administracións galegas. 

A Limia ten unha vantaxe nestes momentos: o campo. É unha oportunidade interesante para o emprego que debería ser potenciada e apoiada desde todos os concellos e todas as Administracións galegas. 

Estase perdendo moito tecido industrial nestas comarcas?
Tecido empresarial e servizos... ao ir diminuíndo o tecido empresarial, en paralelo, van pechando empresas no sector servizos. Estas empresas de servizos, ao non quedar tecido industrial, ou se trasladan ou pechan. Todos os sectores están sendo golpeados coa mesma forza. Xa non estamos naquelas crises que afectaban especialmente á construción.

Empobreceron as traballadoras e traballadores durante estas últimas crises?
Sen dúbida. Hoxe moitas traballadoras e traballadoras son pobres, traballan para poder pagar ao fin de mes os recibos da casa e a hipoteca. Non lles alcanza para nada máis. 

Hoxe moitas traballadoras e traballadoras son pobres, traballan para poder pagar ao fin de mes os recibos da casa e a hipoteca. Non lles alcanza para nada máis.

Óscar Núnhez secretario Unión Local CIG Verín A Limia (1)
Óscar Núnhez, na sede da CIG en Verín. | FOTO: DdL

 

Como pensa a CIG que se deben defender as traballadoras e traballadores nestas comarcas?
O tren só pasa unha vez na vida. Isto que lle din reforma laboral foi unha oportunidade perdida. E non volve... que deixen de vender fume. Seguimos na mesma situación. Que facer? Nós xa intentamos que se unisen concellos e colectivos para formar unha plataforma social para defendernos e dicir moi alto que isto vai para abaixo. Volveremos a intentalo. Necesitamos arrimar o ombreiro todas: sindicatos, traballadoras, empresas, políticos... Hai que parar xa a sangría de emprego nestas comarcas.

Vai haber mobilizacións?
Nesta nova executiva estamos en período de análise da situación. Nunhas semanas veremos como responden os demais actores, pero nós temos claro que haberá que mobilizar a traballadoras e traballadores. Temos que salvar o pouco que queda.

Que o peor que está vendo como sindicalista nesta crise?
Pois o máis triste é ver como hai xente moza que vén ao sindicato a pedir información para emigrar.

Está pasando iso, é función dun sindicato?
A xente moza está desesperada. Temos moita xente ultimamente nesta situación, mesmo xente xa con familia formada aquí, que vén pedir orientación para emigrar. Piden información sobre traballos fóra porque aquí non hai. Facemos o que podemos a través das nosas redes no exterior. Mais cada vez é máis complicado ir para Inglaterra, Suíza, Alemaña... o único que piden eses países é xente formada a cambio de salarios moi baixos. 

ENTREVISTA | “É moi triste ver que hai xente moza que vén ao sindicato a pedir...