domingo. 19.07.2026
O investimento total achégase aos 120.000 euros

Oito edificios municipais de Verín terán paneis fotovoltaicos

Na Casa Consistorial tamén se instalarán placas solares.
Na Casa Consistorial tamén se instalarán placas solares.

Como xa adiantara Diario do Támega días atrás, o Concello de Verín vén de anunciar a instalación de paneis fotovoltaicos en oito dos seus principais edificios municipais. En total, o ente municipal investirá 118.787,29 euros nas instalacións, esperando percibir dos fondos europeos Next Generation practicamente o 50 por cento do investimento (53.720 euros).

Segundo confirmou o alcalde Verín, Gerardo Seoane, a Casa Consistorial, o Pavillón Municipal de Deportes, os CEIP Princesa de España e Amaro Refojo, a Biblioteca, o centro de día Solleira, o Pavillón da Granxa e o Auditorio Municipal, serán os edificios públicos elixidos para a instalación dos sistemas de placas solares fotovoltaicas "que reducirán de maneira notable o consumo eléctrico, así coma as emisións de CO2, nestas instalacións".

 

Primeiras concesións recibidas dos fondos Next Generation

O  Concello de Verín recibiu esta semana as primeiras seis comunicacións de concesión de axudas financiadas cos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia promovido polo Goberno de España, por un valor de 42.720 euros.

Así pois, o Concello de Verín comezará coa execución das obras de instalación dos paneis fotovoltaicos na Casa Consistorial, Pavillón Municipal de Deportes, CEIPs Princesa de España e Amaro Refojo, Biblioteca e o centro de día Solleira; quedando á espera de recibir, nos próximos días, as dúas resolucións das concesións restantes para executar os traballos no Pavillón da Granxa e no Auditorio Municipal. 

Oito edificios municipais de Verín terán paneis fotovoltaicos