O Concello de Verín incorporou dous novos vehículos patrulla híbridos á frota da Policía Local, nun paso máis dentro da estratexia municipal para ref orzar a seguridade cidadá, actualizar os servizos públicos e apostar por unha mobilidade máis sostible. A recepción oficial contou coa presenza do alcalde, Gerardo Seoane, das concelleiras Rosario Rodríguez e Cándida Couñago, e do xefe da Policía Local, Emilio Morillo, nun acto que simboliza o compromiso cunha xestión planificada e eficiente dos recursos municipais.
Os novos coches son SUV híbridos Renault Arkana Techno Full Hybrid E, preparados especificamente para tarefas policiais. Dispoñen de 145 cabalos de potencia e máis de 1.300 centímetros cúbicos de cilindrada, e un deles está equipado con kit de detidos, o que facilita o traslado de persoas arrestadas e amplía a capacidade de intervención do corpo.
A compra formalizouse mediante sistema de renting, cun investimento de 91.301,76 euros, fórmula que permite asegurar mantemento, renovación progresiva e control do gasto. Desde o goberno local subliñan que esta actuación substitúe vehículos antigos, incrementa a seguridade e o confort dos axentes e contribúe á redución de emisións contaminantes. “Investir en seguridade é investir en calidade de vida”, destacou o alcalde, incidindo en que dotar de medios modernos á Policía Local repercute directamente nun mellor servizo á veciñanza.
