Venres. 29.03.2024
FOTO NOA PRESAS
A deputada polo BNG no Parlamento de Galicia compareceu esta mañá ante a opinión pública.

A dirección do Sergas en Ourense, responsable da xestión do hospital de Verín, saiu esta mañá ao paso das críticas da deputada nacionalista Noa Presas, quen alertou, nunha comparecencia pública, dos retrasos nos cobros que está a sufrir o persoal contratado pola empresa concesionaria da seguridade no centro hospitalario comarcal

Segundo informaron, a Xerencia de Xestión Integrada do Servizo Galego de Saúde en Ourense "cumpre escrupulosamente os seus compromisos de pago, en tempo e forma, á empresa concesionaria da seguridade no hospital comarcal de Verín", apuntando a que ningún dos retrasos e impagos que se veñen rexistrando "ten relación algunha co Sergas", sinalan nun comunicado. 

Dende a entidade xestora da saúde pública galega, lamentaron "fondamente esta situación", advertindo que son os primeiros interesados en que o conflito se resolva de xeito positivo e que estarán vixiantes por se esas diferenzas chegan a afectar aos compromisos de servizo contraídos pola empresa concesionaria.  

O Sergas saiu ao paso das declaracións da deputada do BNG por Ourense no Parlamento de Galiza, Noa Presas, quen denunciou a situación de impago da empresa de seguridade dos hospitais de Verín e Valdeorras e criticou a deixadez da Xunta de Galiza por “mirar para outro lado” e non cumprir as súas funcións coma os “xestores” que prometían ser.

Presas asegurou que as xerencias da Xunta teñen coñecemento, desde Xaneiro, dos constantes problemas de atrasos dos pagamentos: “O convenio de referencia estase incumprindo e o goberno de Feijóo mira para outro lado e non cumpre coas súas funcións”, apuntou, non sen antes calificar o exemplo que está a dar a Xunta ao sector privado de "lamentábel, permitindo que os traballadores e traballadoras estean soportando condicións abusivas”.

As tarefas realizadas pola empresa son un servizo público e que, polo tanto, o Sergas e a Xunta deben implicarse. Non poden actuar como se fora un problema exclusivo da empresa e dos traballadores

“Estamos a falar dun servizo privatizado que se paga con cartos públicos” sinalou Noa Presas. "As tarefas realizadas pola empresa son un servizo público e que, polo tanto, o Sergas e a Xunta deben implicarse. Non poden actuar como se fora un problema exclusivo da empresa e dos traballadores”, afirmou Presas.

Segundo sosteñen dende o BNG, a empresa Servicios de Seguridade Integral e Mantementos A1, S.L. tivo demora de varios meses para o pagamento dos salarios de setembro, novembro e decembro de 2018. Tamén se demorou nos pagos dos meses de xaneiro, febreiro e xuño deste ano, sen ter aínda pagado o salario do mes de xullo.

Desde o BNG amosaron a súa solidariedade coas traballadoras e traballadores da empresa. Presas adiantou que levarán esta cuestión ao Parlamento Galego xa que "a responsabilidade última é da Xunta de Galiza, que debe esixir que a empresa cumpra as condicións do convenio ou debe iniciar os trámites para rescindirlles a concesión”, concluíu Presas.

O Sergas lamenta os impagos de nóminas dos traballadores da seguridade do hospital de...