lunes. 29.04.2024
O parlamentario verinense do BNG, Diego Lourenzo.
O parlamentario verinense do BNG, Diego Lourenzo.

O deputado do BNG Diego Lourenzo vén de presentar no Parlamento Galego unha batería de iniciativas para reclamar ao Goberno do PP a construción dunha escola infantil pública no Concello de Verín, “a única cabeceira de comarca ourensá que non dispón dunha instalación deste tipo” e, ademais, a segunda vila despois da capital provincial con maior número de habitantes (máis de 13.600) e de nacementos.

Diego Lourenzo subliña a escaseza de prazas -todas privadas- que existe na actualidade na vila, de maneira que a moitas familias non lle queda outra opción que levar ás súas fillas e fillos a outros concellos da contorna que si contan con Galiña Azul ou casas niño, “o que supón un problema de xestión de tempos e conciliación laboral pola distancia destas instalacións con Verín”, critica.

Até o de agora no Concello de Verín tan só existe unha escola infantil privada de 0 a 3 anos, pero a súa oferta está por debaixo das cincuenta prazas, “o que resulta totalmente insuficiente para dar cobertura á demanda existente”.

O deputado do BNG lembra na súa iniciativa que o Partido Popular leva anunciando a construción dunha escola infantil pública dende o ano 2009, sen que cumprise a súa promesa até o momento. Por iso, a través dunha proposición non de lei, Lourenzo reclama a súa construción e que xa se contemple a partida necesaria para a súa execución nos orzamentos do vindeiro ano 2024.

O grupo nacionalista lembra nas súas iniciativas a importancia de contar con este servizo tanto para a atención á infancia como para facilitar a conciliación da vida laboral e persoal da cidadanía, ao tempo que facilitan a inserción no mercado de traballo.

  

Destaca, ademais, que entre os obxectivos que a lexislación autonómica contempla para os servizos sociais atópase o de proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, así como o de garantir o apoio ás familias como marco de referencia en que se desenvolven as persoas.

Así mesmo, a lei de impulso demográfico de Galiza establece que a Administración autonómica garantirá a calidade e o carácter inclusivo dos recursos de educación infantil 0-3 anos, avanzará na súa universalización e gratuidade e promoverá a dotación suficiente de prazas e os recursos para facer efectivas as posibilidades de acceso, permanencia e promoción de toda a poboación infantil a este etapa educativa, preferentemente en centros públicos, salienta Diego Lourenzo. 

Diego Lourenzo pídelle á Xunta que constrúa a escola infantil en Verín que leva...