jueves. 18.04.2024
dia do libro- libreria
Interior da libraría AZ, en Verín. | FOTO: M. D.

Os libros forman parte da nosa vida dende que nacemos. Todos os que imos tendo entre as mans inflúen na nosa personalidade e son responsables, en certa medida, da nosa imaxinación. Pode que por iso, dende 1988, se celebra a súa existencia a nivel mundial. Ese día é hoxe, 23 de abril, Día Internacional do Libro.

Neste sentido, cabe destacar que o hábito de lectura saíu reforzado no período de pandemia e xa se considera un dos poucos efectos positivos que isto tivo nas nosas vidas. A lectura alcanzou, a nivel xeral, marcas históricas durante todo o estado de alarma, especialmente nos meses de peche. Parece unha peza chave para superar un ano complicado, o que nos leva a pensar que para moitos veciños de Verín, o libro é un ben considerado de primeira necesidade.

Incrementouse a venda con respecto aos anos pasados, non só en novidades senón tamén en libros publicados con anterioridade (Susana González, empregada da libraría Monterrei)

Preferencia polo papel

A pesar do avance das novas tecnoloxías, que cada vez están máis arraigadas na sociedade, o certo é que os veciños da comarca seguen decantándose polos libros tradicionais en detrimento do libro electrónico. "Gústame sentir o tacto das follas, o olor da tinta e iso un dispositivo non mo dá", conta José Barja, cliente habitual dunha das librarías de Verín.

dia do libro- clienteJosé Barja, cliente habitual, escollendo o seu próximo libro. | FOTO: M. D.

Por tanto, aínda sendo un dos elementos da cadea do libro que máis sufriu as consecuencias da pandemia, as librarías seguen a ser os lugares preferidos na vila para acceder aos libros. Ese aumento é evidente para os profesionais do sector.

A xente compra máis no comercio local. Está entendendo que na tenda física pode dispoñer dun libro coa mesma inmediatez que nas novas plataformas de venda (Dani Diéguez, propietaria da libraría AZ)

'Renovarse ou morrer'

Non obstante, os libreiros da zona seguen en constante evolución e optaron por novas fórmulas de reinvención para incrementar as vendas. Moitos xa dispoñen das súas propias páxinas web, outros prefiren a difusión nas redes sociais e mesmo fomentaron o reparto a domicilio.

Durante o confinamento repartimos a domicilio. Tivo tanto éxito, que estamos xa pensando en abrir a nosa propia páxina web (Luina Giménez, xerente da libraría Pica-Pica)

Démoslle ás novidades moita publicidade nas redes sociais, a xente respondeu e repartiamos a domicilio (Susana González, da libraría Monterrei)

Cando preguntamos cal é o perfil máis habitual do cliente, os libreiros de Verín téñeno claro: “Ao adulto véndeselle o libro directamente, é máis fácil e veñen moitos máis”. Todos coinciden en que o aumento de vendas e por tanto, de lectura, se deu nun rango de idade de entre 35 e 65 anos. Aínda que, advirten, “o rapaz ou rapaza ao que lle gusta ler e que leu toda a vida, tamén é un cliente potencial. O obxectivo é conseguir atraer a novos lectores de menor idade”. Tamén atopamos unanimidade en canto aos xéneros máis vendidos. Entre os veciños da comarca triunfa a narrativa, en especial a novela negra. Unha menor porcentaxe decántase pola novela romántica e quen menos, pola novela histórica.

Os favoritos da comarca

  • "La reina roja", de Juan Gómez Jurado
  • "La novia gitana", de Carmen Mola
  • "El enigma de la habitación 622", de Joël Dicker

Os profesionais do libro coinciden en que o reto agora é manter aos novos lectores derivados da pandemia e, pouco a pouco, ir fidelizando en maior medida. Para iso, moitos dos locais de Verín están ofrecendo descontos especiais por este Día do Libro cos que, confían, atraerán o interese dos veciños e por tanto, unha mellora do seu sector.

dia do libro - descontoCartel informativo co desconto polo Día do Libro. | FOTO: M.D.

As bibliotecas, os libros e os novos métodos

Debido ao confinamento e ás restriccións de mobilidade descendeu notablemente o número de visitantes ás bibliotecas; non así o préstamo de libros que experimentou un gran aumento, sobre todo no referido a libros para adultos. Foi o que ocorreu na Biblioteca Municipal de Verín, tal e como nos contan os seus xerentes Vicente Rodríguez e Aurora Prieto nunha entrevista concedida a Diario do Támega.

BIBLIOTECA día do libroA Biblioteca Municipal de Verín, coas pertinentes medidas anticovid. | FOTO: M. D.

A pesar de sufrir un cambio importante de hábitos debido á dificultade para acceder ao libro físico, a Biblioteca Municipal experimentou un aumento do número de socios e mesmo das familias que posúen varias contas. “Unha mesma familia utiliza varias contas á vez para poder levar máis libros (…) Se antes levaban soamente un libro, agora poden levar ata tres”.

Tal e como nos adiantaban os libreiros da zona, e eles confirman, o xénero favorito dos verinenses é a narrativa. Dende a Biblioteca tamén quixeron destacar o aumento na escolla de obras escritas en lingua galega: “A novela triunfa maioritariamente en castelán, pero agora é admitida tamén en galego”.

Aínda con todos estes avances, a Biblioteca Municipal buscou alternativas para achegar a lectura á poboación. A súa canle de YouTube xa conta con preto de 400 suscriptores que, de maneira continuada, poden participar nas distintas actividades como contacontos ou conferencias, aptas para todo tipo de público.

DÍA DO LIBRO | Que len os veciños de Verín? Así son os seus hábitos de lectura