
Axentes da Garda Civil de Verín detiveron este pasado sábado, ás 23,00 horas, a un veciño de Verín, de nacionalidade portuguesa e 35 anos de idade, por un presunto delicto de tráfico de drogas logo de efectuaren unha inspección no local no que traballaba como camareiro. Segundo informaron fontes policiais, o detido adicábase con asiduidade á venda ao por menor de substancias estupefacientes nun clube de alterne ubicado na praza da Alameda de Verín.
A visita dos axentes ao citado local de ocio propiciou a localización dun habitáculo que aínda que aparentemente estaba destinado ao almacenamento de bebidas, nel atopábanse unha caixa de cartón que contiña 9 doses de cocaína preparadas para a venda, unha báscula de precisión e diversos recortes ultimados para a confección das doses. Os gardas civís tamén incautaron 140 euros en efectivo e dous teléfonos móbiles.