viernes. 26.04.2024
Os deputados socialistas de Ourense, no quilómetro 0 da Porta do Sol, en Madrid.
Os deputados socialistas de Ourense, no quilómetro 0 da Porta do Sol, en Madrid.

A secretaria local do PSdeG en Verín, Rosario Rodríguez, e mailo resto de deputados do partido de Ourense, puxeron fin no día de onte, arredor das 15:30h, á súa peregrinación a Madrid para reivindicar un 'reparto xusto, equitativo e democrático dos fondos da Deputación de Ourense'. "O herdeiro da dinastía Baltar persiste no seu empeño de distribuír os fondos obxectivos que recibe de forma subxectiva", afirmaba esta mañá Rafa Villarino, voceiro do grupo provincial.

"Foi necesario este percorrido de noites, días, tardes, dándonos relevo sen descanso, suando a camiseta e entregando todo o noso esforzo porque deputados, alcaldes, concelleiros e poboación, estamos fartos de estar discriminados e había que visibilizar este problema fóra de Ourense", engadía.

Esta mesma mañá tiveron lugar as primeiras reunións para os efectos, coa visita ás instalacións do Ministerio de Política Territorial, onde foron recibidos polo Secretario de Estado, Alfredo González; e despois pola Secretaria Xeral de Financiación Autonómica e Local, Inés Olóndriz. "Ambos mostraron unha fonda preocupación unha vez coñecido en detalle como están xestionándose os fondos públicos a nivel municipal", transmitía o voceiro.

"O seguinte paso, coa documentación que aportaremos a outras Administracións, detallaremos como é a situación cos gobernos que non son do PP, pediremos cambios na Lei de Bases do Réxime Local que vai ser en breve modificada e que se faga unha análise para que ningún municipio sexa discriminado", incidía. "O informe do Consello de Contas foi demoledor, quedou ben claro que non podemos deixar pasar esta situación como se non pasara nada", engadiu.

O mesmo Rafa Villarino anunciou, ás portas do Congreso dos Deputados, vindeiras reunións. "En breve imos poñernos en contacto con Ángel Gabilondo, o novo Defensor do Pobo, tamén coa Federación Española de Municipios e Provincias, para modificar o rumbo de lugares como Ourense".

Soamente catro días foron suficientes para que os 11 participantes, organizados en tres grupos, percorreran os máis de 500 quilómetros que separan Ourense da capital de España. Polo camiño, foron recibidos por diferentes representantes do partido noutras provincias, entre eles, o alcalde de Lubián, Felipe Lubián, ao paso polo seu municipio. Está previsto que todos eles regresen a Ourense hoxe mesmo.

NOTICIAS VERÍN | Os deputados socialistas de Ourense, no Congreso: "Non se pode...