A Deputación de Ourense alcanzará neste mandato a cifra histórica de 102,5 millóns de euros destinados ao financiamento directo das entidades locais.
O goberno provincial, presidido por Luis Menor, presentará o vindeiro mércores dúas modificacións de crédito que mobilizarán máis de 20,2 millóns de euros con cargo ao remanente de tesourería.
Estas axudas teñen un impacto directo na comarca de Monterrei, destacando o apoio económico a proxectos estratéxicos de sostibilidade e seguridade.
Un dos investimentos máis salientables recollidos nestes expedientes é a achega de 500.000 euros á Mancomunidade de Verín.
Este capital servirá para cofinanciar o Plan de Actuación Integrado "Futuro Verde do Alto Támega", unha iniciativa impulsada por municipios como Castrelo do Val, Cualedro, Laza, A Mezquita, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín e Vilardevós.
Con este movemento, a administración provincial reforza a súa cooperación para que o territorio poida aproveitar as oportunidades de financiamento europeo vinculadas ao desenvolvemento urbano sostible
No ámbito das emerxencias e a seguridade, o concello de Laza recibirá un total de 100.000 euros destinados á primeira fase da súa base de Protección Civil. A maiores, este municipio tamén contará cunha axuda específica de 40.000 euros para o funcionamento da base do Grupo de Emerxencia Supramunicipal (GES).
A nivel cultural, o Conservatorio de Música de Verín percibirán unha partida de 50.000 euros para apoiar o seu labor formativo. Estas intervencións forman parte dun plan global que busca mellorar os servizos públicos básicos e a calidade de vida dos residentes en toda a zona do Val do Támega.
