miércoles. 24.04.2024
José Manuel López reuniuse esta mañá co delegado en Ourense, Gabriel Alén, e co presidente da Mancomunidade de Verín, J. L. Suárez.
José Manuel López reuniuse esta mañá co delegado en Ourense, Gabriel Alén, e co presidente da Mancomunidade de Verín, J. L. Suárez.

José Manuel López, a cara máis visible da loita pola creación dun Punto de Encontro Familiar -PEF- na vila, mantivo hoxe unha nova reunión para lograr este obxectivo. Foi, desta volta, co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, quen xa se mostrara partidario a isto; acompañado polo presidente da Mancomunidade de Verín, José Luís Suárez.

"Segundo o delegado, xa se puxo en contacto coa consellería de Política Social e co propio director xeral de Familia e Infancia para avanzar nos trámites. Tamén se comprometeu en falar co Concello de Verín para traballar todos de maneira conxunta", conta José Manuel, ao remate da reunión. 

Este compromiso por parte do delegado responde á intención da Xunta de Galicia de "dar unha cobertura máis ampla a toda a poboación. Estase xestionando a posta en funcionamento de novos espazos, analizando as distintas posibilidades para que a súa localización responda do xeito máis óptimo ás necesidades dos usuarios" e, anunciou que se creará non só o PEF de Verín senón "un novo punto en cada provincia". Mentres tanto, recordou que "os veciños dos municipios que carecen dun centro destas características poden acudir ao xulgado, que se encargará de derivalos ao PEF máis próximo". 

Nesta liña, José Manuel trasladoulle ao delegado a súa intención de coñecer, de primeira man, todos os prazos para "poder seguir avanzando todos na mesma dirección. Pola miña parte, vinos bastante comprometidos por traballar da man da consellería porque é unha necesidade que está máis que xustificada", sentencia. Está previsto que no vindeiro mes volva celebrarse unha xuntanza para estudar os avances.

Recollida de sinaturas

Paralelamente a estas reunións, tanto José Manuel como Pilar García, a outra representante dos pais nesta loita, continúan a súa recollida de sinaturas na comarca. Tal e como explicaron nas súas redes sociais, "o PEF beneficiará a todo o sur de Ourense polo que a recollida de sinaturas admítese dende calquera lugar". Para facilitar esta tarefa, publicaron unha listaxe con diferentes establecementos onde estará dispoñible a folla para asinar:

  • Parrillada A Lousa (Rúa Castelao)
  • Bar América Verín (Rúa Juan Guerra Valdés)
  • Asubío TENDA (Rúa Maior)
  • Café-Bar Bandolín (Rúa Laureano Peláez)
  • Restaurante Brasil Verín (Avenida de Castela)
  • Sindicato CIG Verín (Praza do Concello)
  • Estanco Verín Nº1 (Rúa Luís Espada)
  • FEMURO Ourense Verín (Camiño vello de Sousas)
  • Seguros Mapfre Verín (Praza do Concello)
  • Peluquería María (Galerías San Miguel)
  • Café Meigallo Verín (Rúa Irmáns Moreno)
  • Café Viena (Praza do Concello)
  • Noisiness (Avenida de Portugal)

 

NOTICIAS VERÍN | Novo paso adiante na loita por un Punto de Encontro Familiar