
Os "maios" deste dramático 2020 serán lembrados, fundamentalmente, por non teren sido celebrados, como corresponde a unha festividade que saca ás rúas non só o inxenio dunha decena de colectivos elaborando construccións alegóricas con materiais naturais e algúns de refugallo, senón tamén fai que o inxenio e a sátira vaian da man nas coplas que posteriormente se venden para doar o recadado a unha institución benéfica.
A pandemia orixinada polo virus asiático deixou aos verinenses sen disfrutar dunha das convocatorias lúdicas coas que case se estrea a tempada de verán de festexos. Pero non foi quen de deixar á cidadanía sen as composicións cargadas de ironía e denuncia, aínda que tamén amables, coas que se fai un verdadeiro repaso a todo o que aconteceu nos últimos meses. E, poida que como contraprestación merecida ao esforzo, entre os asinantes das coplas está, por primeira vez dende que Gómez Pato cedese a testemuña da súa orixinal iniciativa ao pobo verinense, o fillo deste, Antonio Gerardo Gómez Quesada, quen, animado polas súas fillas e en colaboración con ambas, decidiu iniciarse na composición para continuar a tradición familiar inaugurada polo home que lle deu a vida.
A maioría dos participantes tiveron como fío común a pandemia que mantén á metade do mundo confinado, aínda que tamén houbo nas composicións algunhas lembranzas a outros dos fitos máis recentes acadados na vila, o da reapertura do paridoiro de Verín. Non faltan nas coplas deste ano moitas referencias á "loita" protagonizada polos sanitarios do país no combate corpo a corpo que manteñen por salvar as vidas daquelas vítimas do coronavirus.
Os cartos orzamentados para a festa adicaránse á investigación
Ao non ser posible a venda das coplas e a recadación de fondos solidarios para as asociacións participantes -así como a elaboración dos Maios Florais- debido ás restricións derivadas do actual estado de alarma, este ano o ente municipal doará, integramente, a cantidade orzamentada para devanditos festexos á investigación da vacina contra o COVID-19.
Así mesmo, o Concello ten habilitado un número de conta para facilitar doazóns de particulares e empresas que queiran colaborar con esta iniciativa solidaria. Hai dúas opcións, en función de se desexan obter o certificado e deducir a doazón ou non.
SEN CERTIFICADO
Doazón de 0 até 1.000 €, non deducible, realizando unha transferencia á conta do CSIC
ES07 9000 0001 2002 2000 0047
Indicar no concepto: "Donativo al CNB- CSIC".
CON CERTIFICADO DA DOAZÓN
Doazón de 0 até 5.000 €, deducible, realizando unha transferencia á conta do CSIC
ES07 9000 0001 2002 2000 0047
Indicar no concepto: "Donativo al CNB-CSIC (inclúe nome e apelidos (ou razón social) + DNI/CIF/NIE)"
O CSIC emitirá un certificado xustificativo da doazón e comunicará os datos a AEAT para que conste como deducible. Se queren recibir o certificado, deben escribir, identificando o donativo realizado, a [email protected]