Venres. 29.03.2024
reunión
Reunión evento ''Mesa Redonda: Covid-19 e cultura en Verín''. | FOTO: Paula Morales.

Onte ás 20:00h o Auditorio Municipal de Verín acolleu o evento ''Mesa Redonda: Covid-19 e cultura en Verín''. Nesta reunión algúns dos axentes culturais de Verín puxeron sobre a mesa algúns dos problemas actuais aos que se ten que afrontar a cultura e que se ven gravemente afectados pola Covid-19. Un destes problemas é a cancelación de eventos na comarca para tratar de mitigar o virus e os seus efectos.

''A cultura é o conxunto de coñecementos e trazos característicos que distinguen unha sociedade ou grupo social, nun tempo determinado. O termo cultura está asociado a progreso e valores''. Así comezaba intervindo a moderadora, Ángeles Sierra. Neste sentido os asistentes defenderon a importancia da cultura na sociedade, como mecanismo social e económico.

O termo cultura está asociado a progreso e valores (Ángeles Sierra, moderadora)

O debate contou con dúas partes. Na primeira asistiron Peyo, tenente alcalde de Castrelo do Val e xefe de produción do Festival de Curtas Vía 14 de Verín, Lorena Carnero dende a Biblioteca de Verín e Ñaka por parte do Festival Carqueixa Rock. As súas intervencións centráronse na cultura en tempos de pandemia e como afrontaron unha situación que obrigou a moitos cancelar a programación e a outros cambiar a forma de traballo. O propio Peyo afirmaba que, ''faltaba información de como afrontar esta situación, pero realizamos a desinfección das salas e tamén realizábamos spots para concienciar sobre os protocolos''. Pola súa banda, Lorena sinalaba que, ''creemos que a cultura é algo moi importante, pero tivemos que cancelar, xa que tiñamos que prescindir do contacto cara a cara''.

Faltaba información de como afrontar esta situación (Peyo, xefe de produción do Festival de Curtas Vía 14 de Verín)

Na segunda parte da conversa, centráronse no futuro da cultura na comarca. Nesta volta participou Diego Fernando Martins, que ven representado a Indielor, productora cultural independente que traballa en prol da rexión de Trás-os-Montes. A maiores, estiveron Álvaro Rúa da banda de gaitas Nova Era e Emilia Somoza, concelleira de Cultura de Verín, que impulsou a creación de actividades culturais na localidade. As opinións foron homoxéneas, posto que defendían a necesidade de inverter e apoiar ao sector para facilitar a superación desta crise.

Cartel Mesa redondaCartel evento ''Mesa Redonda: Covid-19 e cultura en Verín''. FOTO: Concello de Verín.

Un aspecto importante foi o Entroido, apuntando dende o concello que, ''este ano teremos que facer algo máis local, pero non se pode prohibir o Entroido porque é un sentimento. Intentaremos non convocar cousas multitudinarias e faremos algún pasarúas, pero non será  un Entroido como outros anos''.

Non se pode prohibir o Entroido porque é un sentimento (Emilia Somoza, concelleira de Cultura de Verín)

Finalmente, concluíron na necesidade de colaborar e cooperar entre eles para evitar o afundimento da cultura na comarca. Deste xeito, acordaron xuntarse e incluír actividades innovadoras que incentiven a chegada de persoas de fora de Verín e mesmo a creación dun podcats que dea voz a estes axentes culturais.

Coordinación e apoio para salvar a Cultura de Verín