Según acaba de saber este diario, o Conselleiro de Sanidade, Xesús Vázquez Almuíña, cedeu ante as protestas e peticións da veciñanza da bisbarra de Verín. Esta tarde, ás 20:00 horas, reunirase con membros da Plataforma para a Sanidade Pública e da Comisión Delegada do Hospital para escoitar as reclamacións e analizar a actual situación do centro sanitario.
A xuntanza terá lugar na delegación da Xunta en Ourense e, pese a cesión ante as masivas protestas da veciñanza, somentes acepta reunirse con cinco membros representantes da Comisión Delegada do Hospital e maila Plataforma para a Sanidade Püblica da comarca de Monterrei.
Pese a boa nova, dende estes colectivos advirten que o peche do persoal do Hospital de Verín seguirá activo á espera de escoitar o que ten que dicirlles o máximo responsable da Sanidade Pública Galega.
Os representantes dos colectivos citados á reunión consideran un logro que o Conselleiro de Sanidade veña ata a Ourense para reunirse con eles. Van á xuntanza dispostos a escoitalo, pero con certas reticencias ó que poidan comunicarlles. "Gracias a todos, esto é un logro".
Aproveitan para anunciar que convocarán á veciñanza a unha asamblea, mañá martes, para informar sobre todo o falado na reunión co conselleiro e, entre todos, poder tomar unha decisión respecto ás medidas a levar a cabo a partir de entón. Insisten, que non se trata somentes do peche do paritorio, tamén hai que lembrar que desaparecen as urxencias pediátricas e que xa non hai Servizo de Dermatoloxía no Hospital de Verín.