domingo. 19.07.2026
A xornalista verinense vén de ser elexida presidenta da xestora das xuventudes do PP de Verín

Concha Caneiro: "O bipartito sempre me deu grandes titulares, pero de todos eles moi poucos se fixeron realidade anos despois"

Concha Caneira Losada, xornalista de Verín e nova presidenta da xestora de NN.XX. do Partido Popular.
Concha Caneira Losada, xornalista de Verín e nova presidenta da xestora de NN.XX. do Partido Popular.

Que o PP de Verín rematou o ano 25 e comezou o 26 con aspiracións de facerse coa alcaldía no 27 ninguén o dubida, alomenos pola actividade que xa se está a coñecer deles e as xa numerosas visitas do máximo responsable provincial da formación, o presidente ourensán Luis Menor. 

Non só se producen remudas, senón tamén que se contan, fundamentalmente nas redes sociais, que están cobrando novo protagonismo grazas ao traballo na sombra, dende Santiago, que fai a que recentemente vén de ser elexida presidenta da xestora das Novas Xeracións do Partido Popular en Verín: Concha Caneiro Losada (1998, graduada en Xornalismo e Máster de Periodismo e Comunicación Dixital: datos e novas narrativas, pola UOC). 

Non precisa moita presentación, e menos neste xornal, no que realizou prácticas no seu último ano da carreira da Universidade de Santiago de Compostela. Logo fichou pola nosa competencia directa, como correspondente na comarca de Monterrei, onde botou case tres anos facéndonos traballar algo máis do que tiñamos previsto. 

E, dese diario "exclusivamente ourensano desde 1910", como eles mesmos -equivocadamente- se definen, deu o paso aos gabinetes de Comunicación da Xunta de Galicia. Leva dende outubro do 2023 acompañando ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez. 

Luis Menor acompañou ao presidente provincial de NN.XX., Martín Gil, ata Verín, para nomear á nova xestora das xuventudes populares, que preside Concha Caneiro. | FOTO: PP de Verín.
Luis Menor acompañou ao presidente provincial de NN.XX., Martín Gil, ata Verín, para nomear á nova xestora das xuventudes populares locais, que preside Concha Caneiro. | FOTO: PP de Verín.

Ata o seu chimpo a política local de xeito activo. Luis Menor ratificou días atrás a súa responsabilidade como presidenta da xestora de NN.XX., e como xornalista comprometida e defensora do servizo que esta actividad presta á sociedade, accedeu á concedernos a súa primeira entrevista da súa carreira política, local. 

 

Creo que o primeiro que aos lectores do xornal do que vostede foi becaria lles gustaría saber é por que unha muller, xornalista e cun futuro prometedor neste eido, como seguro en moitos outros, decide dar este paso.

(Grazas polo que me toca). Sempre tiven vocación por axudar. E din que o xornalismo, o bo xornalismo, pode axudar a "cambiar o mundo". Esta profesión ensinoume a escoitar, a contrastar, a descubrir grandes historias e a entender a realidade das persoas máis alá da miña forma de ver o mundo. E o máis importante, permitiume darlle voz a todas esas historias. Quero seguir contando o que pasa, pero tamén quero axudar, pois esa vocación medrou ata á de servizo público.

Creo que a política precisa xente formada, crítica, comprometida e, sobre todo, con ilusión. Sentín que agora é o momento no que eu podo aportar.

Supoño que precisamente no entorno familiar non lle porían moitos reparos pero... As amigas e amigos? Que dixeron?

Houbo reaccións de todo tipo, como é normal. Apoio, curiosidade e tamén preguntas, pero todas sempre desde o respecto. No meu círculo máis próximo, e con diferentes ideas políticas, todos me apoiaron a que dera o paso e fixera o que sentía. Entenden que non é unha decisión tomada á lixeira, senón moi pensada.

Teño a sorte de ter ao meu carón xente que me coñece ben, que saben que cando dou un paso ou me comprometo con algo é porque creo no que estou facendo e porque estou disposta a traballar con responsabilidade.

Concha Caneiro é a maior das dúas fillas do escritor Xosé Carlos Caneiro e Berta Losada.
Concha Caneiro é a maior das dúas fillas do escritor Xosé Carlos Caneiro e Berta Losada.

É innegable que a nivel de redes sociais o PP de Verín, das que vostede é a responsable, deu un chimpo cualitativo e cuantitativo máis que destacado. Cre que así pode chegarse a máis xente nun lugar onde todos nos coñecemos?

Eu creo que a través das redes sociais se pode chegar a máis xente, en calquera lugar. E a verdade é que estamos traballando moito neste ámbito. Falo en plural porque non é un traballo individual, conto cun grupo de persoas que me axudan moitísimo e que fan que todo sexa máis doado: teñen ideas e moitas ganas de traballar.

As redes sociais son unha ferramenta máis para achegarnos ás persoas, pero non o son todo. Sempre digo que o traballo de redes é un complemento ao traballo na rúa. Nun lugar como Verín o máis importante é estar ao carón da veciñanza, traballar por eles e pola vila. E iso estamos facendo, complementándoo con máis actividade nas nosas redes sociais dunha maneira natural, sen artificios e sempre en equipo. Ademais, é unha forma moi eficaz de chegar á xente nova, darlles a coñecer o que facemos no noso día a día.

Está rexurdindo o PP de Verín en número de simpatías ou é que antes non se contaba tanto o que se facía?

Penso que hai un pouco de ambas cuestións.

Por unha banda, estase facendo un esforzo importante por abrir o partido, por explicar mellor o traballo que facemos e por escoitar máis. No caso de NN.XX. e xunto co equipo que estamos ao fronte disto, estamos realiando un traballo importante de escoita e atender a mozos, e cada vez máis chegan a nós ao ver que estamos organizando actividades, vida na vila e apoiando as demandas da xente máis moza. O grupo, que é comarcal, non para de medrar e todos teñen moito que dicir. É curioso porque cada vez anímanse máis a participar e a sumar forzas.

E por outra, hai unha sensación crecente de que Verín precisa unha alternativa seria, con proxecto e con futuro. Iso notámolo no interese da xente polo que facemos e no contacto diario coa veciñanza, que cada vez máis, nos trasladan as súas demandas e inquedanzas.

Considera que se tardou en dar o paso de buscar alternativa na súa formación, ou que o anterior presidente tivo que deixar o timón antes?

Prefiro mirar cara o futuro e vivir no presente. Cada etapa cumpre a súa función e todas deixan moitos aprendizaxes.

Agora abrimos unha nova fase, cun equipo con ilusión e con experiencia en moi diversos campos. Este equipo confía na xente moza porque somos o futuro de Verín, dános voz e ten en conta a nosa opinión para todo. O obxectivo é claro: entre todos construír unha alternativa sólida para a nosa vila. Por iso digo que non se trata de analizar o pasado, senón de asumir a responsabilidade do futuro e demostrarlle á xente que estamos aquí para traballar por e para Verín.

A realidade é que os mozos non temos oferta máis alá de festas (que cada vez están peor xestionadas) e dúas películas cada fin de semana, sen falar da parte deportiva, que xa é un "deporte de risco" achegarse ás instalacións municipais

Para dar un paso así entendo que ten inquedanzas de mudar a vida da xente de Verín e concello. Se tivera que discutir algo da actual xestión do bipartito, en que poría o foco de primeiro?

Poñería o foco nas oportunidades perdidas. Verín non pode vivir de titulares de prensa, e isto dígoo con coñecemento de causa. O bipartito sempre me deu grandes titulares, pero de todos eles moi poucos se fixeron realidade anos despois. O noso municipio non pode permitirse máis tempo cunha xestión a curto prazo.

Botamos en falta planificación, diálogo e ambición real. É necesario que se traballe sobre a realidade da nosa vila: hai que achegar industria para fomentar o emprego e darlle oportunidades aos máis mozos, hai que traballar para que a vila siga medrando. Para iso tamén é moi importante a planificación cultural e de ocio da nosa vila, da que o Goberno municipal tanto presumen de ser os mellores nese ámbito, pero a realidade é que os mozos non temos oferta máis alá de festas (que cada vez están peor xestionadas) e dúas películas cada fin de semana, sen falar da parte deportiva, que xa é un "deporte de risco" achegarse ás instalacións municipais.

Nós queremos falar de futuro, de calidade de vida, dun Verín cargado de progreso, con propostas serias e sostibles, e non con anuncios que non se traducen en resultados.

Vexo xente con ganas de quedar en Verín, de emprender e de vivir aquí. Só precisan un pouco de apoio real do Concello e políticas públicas que acompañen

Os seus compañeiros na oposición da Corporación, e mesmo o anterior xefe de filas do Partido en Verín, ven unha vila sen moito futuro... Mozos que foxen, comercios que pechan, servizos que non se prestan... Vostede que ve?

Se o bipartito segue desgobernando Verín, por suposto que seremos unha vila sen moito futuro. Pero Verín sempre tivo, e ten, moito potencial.

Vexo xente con ganas de quedar en Verín, de emprender e de vivir aquí. Só precisan un pouco de apoio real do Concello e políticas públicas que acompañen. Verín é unha vila con recursos, con talento e cunha situación estratéxica que hai que saber aproveitar. O futuro non está escrito, constrúese.

Imaxíneme con 19 anos, sen moita idea de política, sen ser capaz de marcar unha clara liña entre o liberalismo económico máis despiadado e o socialismo máis próximo ao comunismo; que me diría para convencerme de que a opción que vostede encabeza é a mellor, ademais de ler algo máis?

Como ben di, hai que ler algo máis (a min aínda me queda moito por ler, pero é un hábito que todos deberíamos ter) e ser curiosos. Se me permite, xa que falamos de lectura e tirando para casa, recomendaría ler ‘Paraíso’ de Caneiro. Fala dun lugar idílico, Ébora, que a min recórdame a Verín. Meu pai, sen percatarse, ensinoume a querer Verín con todo o meu corazón, e igual por iso agora estou respondendo estas preguntas.

Caneiro Losada leva, dende o 2023, no gabinete de Comunicación da Consellería de Educación da Xunta de Galicia.
Caneiro Losada leva, dende o 2023, no gabinete de Comunicación da Consellería de Educación da Xunta de Galicia.

E xa centrándome na pregunta, diríalle que observe a quen escoita, a quen propón e a quen traballa con sentido común. A política non vai de etiquetas nin de extremos, é un servizo público que debería dar solucións aos problemas da veciñanza, porque ese é o obxectivo final da política: mellorar a vida das persoas.

Participar, implicarse e preguntar é a mellor maneira de cambiar as cousas, e máis nas aldeas e nas vilas. A nosa opción cre na liberdade, na igualdade de oportunidades e no esforzo, sen dogmatismos. Tamén é, xa a nivel local, a única formación política que lle está dando voz aos mozos. Mentres outros presumen de que teñen un gran apoio da xuventude, nós traballamos e vivimos no mundo real.

Se estivese en cuarto de Xornalismo, volvería a facer prácticas no DdT (Diario do Támega)?

(jajaja). Xa lle dixen que vivo no presente e traballo polo futuro. Pero como sempre digo, non me arrepinto das decisións que tomo. Se tomei esa decisión en cuarto de Xornalismo foi porque é o que quería facer. Foi tamén un tempo que me convenceu, aínda máis, de que son moi de Verín e de que quero o mellor para a vila na que nacín e crecín. E por iso agora tomei a decisión de poñerme ao fronte da xestora de NN.XX. de Verín, porque penso que podo aportar, e mentres a miña forma de ver o mundo sexa útil, así o farei.

Concha Caneiro: "O bipartito sempre me deu grandes titulares, pero de todos eles moi...