Venres. 29.03.2024
"Noutras localidades xa se teñen eliminado as restricións aínda cunha maior incidencia da COVID", di o grupo de Goberno

O Concello de Verín acusa á Consellería de Sanidade de "falta de equidade" na toma de decisións

O grupo de Goberno do Concello de Verín vén de esixir á Consellería de Sanidade que reconsidere a súa decisión de manter á vila nun peche perimetral que non se xustifica co número de casos activos a día de hoxe -tan só 8- e cando en outros concellos a incidencia do virus é moito maior. 

Seoane Fidalgo, o alcalde de Verín, o día da concentración dos hostaleiros diante da Casa do Concello. | FOTO: Carlos Gómez.
Seoane Fidalgo, o alcalde de Verín, o día da concentración dos hostaleiros diante da Casa do Concello. | FOTO: Carlos Gómez.

Tras publicarse onte non Diario Oficial de Galicia a orde e o decreto do 20 de novembro de 2020 polos que se anuncia o mantemento das medidas especiais de prevención para a contención do brote epidémico da pandemia COVID - 19 aplicadas no municipio de Verín, o grupo de Goberno do Concello vén de manifestar o seu rexeitamento á decisión da Xunta de Galicia de manter á vila pechada perimetralmente e cos bares clausurados, logo de que se coñecera que no Carballiño, con máis casos activos que en Verín, si se levantaban as restricións. 

O Concello de Verín recoñece o "gran esforzo colectivo realizado por todas e todos os  verineses e verinesas nesta segunda onda de contaxios, acatando en todo momento as medidas de prevención especiais decretadas pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia nas diferentes fases e contribuíndo activamente á redución dos casos activos, rebaixando o número de persoas afectadas pola COVID - 19 no municipio de 92 a 8 nos últimos 25 días (o que equivale a 58 casos por cada 100.000 habitantes)", din dende o ente municipal.

Tamén traslada nese comunicado o grupo de Goberno conformado por socialistas e nacionalistas "o profundo malestar que provocou esta decisión -a de manter a Verín pechado perimetralmente e cos bares e cafeterías clausurados- entre os sectores comerciais e de hostalería de Verín, sendo estes últimos os primeiros en solidarizarse cos nosos veciños e veciñas realizando un peche voluntario dos seus establecementos -previo á instauración das medidas especiais decretadas pola Consellería de Sanidade- e véndose agora dobremente prexudicados pola revalidación dunhas restricións que consideramos asimétricas con respecto a outras localidades nas que xa se teñen eliminado, ou polo menos relaxado, aínda tendo unha incidencia maior de coranavirus", recolle o comunicado.

Non entendemos os criterios sanitarios e técnicos seguidos polo comité clínico de expertos para tomar a decisión de non retirar as medidas especiais de prevención impostas en Verín

O grupo de Goberno municipal recoñece a complexidade da situación e "que a saúde das persoas está por encima de todo. Somos conscientes tamén da complicada situación pandémica que está a experimentar o norte de Portugal, e da nosa natureza fronteiriza. Aínda así, queremos manifestar publicamente non entender os criterios sanitarios e técnicos seguidos polo comité clínico de expertos para tomar a decisión de non considerar como é debido a retirada das medidas especiais de prevención impostas en Verín".

Para rematar, o bipartito verinense vén de confirmar que esixirá á Consellería de Sanidade "explicacións pertinentes sobre cal é o motivo desta aparente falta de equidade á hora de valorar a casuística de Verín con respecto a outros municipios e solicitaremos que na vindeira reunión do comité clínico de expertos teñamos o mesmo trato que outros municipios galegos nos que si se levantaron parte das restricións", aínda que tiñan estes unha situación epidemiolóxica menos favorable ca verinense. 

O Concello de Verín acusa á Consellería de Sanidade de "falta de equidade" na toma de...